A CIG demanda dos grupos parlamentares iniciativas en defensa da negociación colectiva en Galiza

Reuniuse esta mañá con representantes do BNG e AGE que manifestaron o seu apoio ás demandas da central sindical
Compostela - 09 Mai 2016
Unha representación da Executiva da CIG reuniuse este luns con representantes dos grupos parlamentares do BNG e AGE para alertar do grave deterioro que sofre a negociación colectiva en Galiza e solicitar a presentación de iniciativas en defensa dun Marco Galego de Relacións Laborais. Ambos os grupos manifestaron o seu apoio ás propostas da central sindical que está pendente de manter xuntanzas tamén, ao longo desta semana, co PSOE e co Grupo Mixto. O único que non contestou aínda foi o PP.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que foi acompañado polo secretario confederal de Finanzas, Ramiro Oubiña, explicou que os cambios introducidos nos anos 2011 e 2012 polos sucesivos gobernos españois na normativa legal a través do Real Decreto Lei 7/2011, Real Decreto Lei 3/2012 e a Lei 3/2012, supuxeron unha modificación moi importante do Estatuto dos Traballadores en materia de negociación colectiva, en temas fundamentais como a aplicación e interpretación do convenio colectivo, a flexibilidade interna, a estrutura da negociación colectiva, a lexitimación para negociar ou a concorrencia, prevalencia, contido e vixencia dos convenios colectivos.

Seixo sinalou que a prioridade dos convenios de empresa fronte aos de sector podendo rebaixar o que estes recollen, o limitar a ultraactividade dos convenios a un período máximo dun ano, a facilidade ou a liberdade das empresas para non aplicar un convenio colectivo, “teñen xerado un panorama realmente desolador”.

Para exemplificalo explicou que “o contido dos convenios empeorou; os salarios nuns casos diminuíron, noutros quedaron conxelados e noutros tiveron uns incrementos ridículos; cada vez, inaplícanse máis convenios ou simplemente non se negocian e increméntanse as desigualdades salariais entre traballadores e traballadoras dunha mesma empresa e mesmo entre empresas dentro dun mesmo sector”.

Esta é, segundo o secretario xeral da CIG, a “dura realidade” que evidencia en que medida estas reformas da negociación colectiva están a prexudicar os intereses da clase traballadora xerando un marco de negociación claramente desequilibrado a favor dos intereses da patronal. “Estamos a falar, pois, de cambios na normativa laboral, feitos conscientemente polos gobernos españois correspondentes, coa finalidade de provocar unha caída xeneralizada dos salarios, dividir a clase traballadora pola vía da atomización dos convenios e a individualización da negociación das condicións laborais, en definitiva, matar o principal instrumento de participación e de conquista de melloras salariais e laborais  que teñen os traballadores e traballadoras”, afirmou.

Os representantes da Executiva da CIG subliñaron que este proceso de deterioración das condicións de traballo de amplos sectores da clase obreira, veuse á súa vez agudizado coas sucesivas contrarreformas laborais que facilitaron e abarataron o despedimento, flexibilizaron a contratación facilitando o fraude e a precarización da mesma, facilitaron modificación substancial das condicións de traballo e a distribución irregular da xornada, etc., baixo a falsa xustificación de ser políticas necesarias para poder saír da crise, pondo  interesadamente como unha das causas principais da orixe e saída desta as supostas rixideces do mercado laboral, agochando así as verdadeiras razóns desta crise que teñen a súa orixe no modelo económico financeiro de economía especulativa.

Todas estas reformas laborais viñeron mudar, pois, a razón de ser do dereito do traballo, como un dereito tuitivo e protector da parte máis débil nas relacións laborais, a clase traballadora, para convertelo nunha ferramenta económica ao servizo do beneficio e a competitividade empresarial.

Situación de emerxencia para a clase traballadora galega

“Estamos, xa que logo, nunha situación de emerxencia para a clase traballadora que require por unha banda a derrogación do Real Decreto Lei 7/2011, Real Decreto Lei 3/2012 e a Lei 3/2012 e, por outra, recuperar o protagonismo e o fortalecemento da negociación colectiva e iso non é posíbel sen a participación activa da clase traballadora, o cal implica promocionar e potenciar os  ámbitos de negociación no que sexan os traballadores e traballadoras afectados, así como os empresarios, os verdadeiros protagonistas a hora de decidir sobre o que se negocia, se acorda e en que termos se fai a negociación”.

Para a CIG, xa que logo, calquera ámbito de negociación que afaste esta dos seus directos beneficiarios e dificulte o acceso á información, a toma de decisións e o control sobre esta, debe ser desbotado. 

En coherencia con isto, a central sindical considera contrario aos intereses da clase traballadora e a unha dinámica que supoña o fortalecemento da negociación colectiva, calquera proceso de estatalización dos convenios hoxe existentes en Galiza, no ámbito provincial ou de empresa.

De aí que a CIG entenda que toda a negociación colectiva debe desenvolverse no ámbito galego, baixo o estrito control e interese da clase traballadora e da patronal galegas, priorizando as unidades de negociación sectorial máis próximas e apostando polo tanto responsabelmente a defender de forma colectiva a autorregulación dunha materia que ten que ser básica a hora de fixar as condicións de traballo e adaptalas á realidade social e económica de Galiza.  

“O cumprimento deste obxectivo contribuiría a superar a realidade que se dá hoxe de que calquera referencia comparada coa media do Estado, do mercado laboral en Galiza, no que se refire a  salarios, precariedade, pensións, sinistralidade, emprego e emigración, é negativa para a clase traballadora galega o que pon de manifesto a evidencia de factores estruturais que se obxectivan ao abeiro do marco actual e que polo tanto fan imprescindíbel a necesaria reversión deste marco de relacións laborais”, concluíu Seixo.

Neste sentido, lembrou que o respecto a un marco propio de negociación e de relacións laborais en Galiza foi o que motivou a iniciativa de creación no campo institucional de organismos como o Consello Económico e Social (CES) e o Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL). “A importancia tamén dese marco propio de negociación ponse de manifesto no peso moi maioritario que tradicionalmente tiveron en Galiza os convenios provinciais de sector ou de empresa”.

Xunto a isto lembrou tamén que o propio Consello Galego de Relacións Laborais ten elaborado informes e feito pronunciamentos no sentido da importancia dun Acordo Marco Interconfederal en Galiza que contribuíse a fortalecer a negociación colectiva en Galiza e a superar a actual estrutura atomizada, dispersa e non ben articulada, con sectores sen regulación e outros con problemas de colisión de ámbitos de aplicación.

Diante desta situación, e recoñecendo o carácter da negociación colectiva como fonte de dereito que pode permitir superar, en certa medida, o hándicap de que as competencias lexislativas nesta materia sexan do Estado, e tendo en conta que é unha peza clave nas relacións laborais en Galiza a hora de fixar as condicións de traballo, dereitos e obrigas, nun sector ou empresa, entre empresari@s e traballador@s, en función da nosa propia  realidade socioeconómica e laboral, a CIG propuxo aos grupos parlamentares, en concreto, que insten ao Parlamento de Galiza a aprobar que:

  • O marco galego de relacións laborais esixe que os convenios sectoriais provinciais, autonómicos ou doutro nivel superior ao de empresa, teñan prevalencia non só sobre o convenio de empresa, senón tamén sobre os estatais. Igualmente os acordos sobre materias concretas ou acordos de estrutura a nivel de Galiza deben prevalecer sobre aqueles de ámbito estatal de semellantes características.
  • Reforzar a garantía da ultraactividade ilimitada do convenio colectivo.
  • Os convenios sectoriais terán a consideración de dereitos básicos, polo cal ningún convenio de empresa poderá establecer condicións inferiores ás determinadas polos convenios sectoriais de referencia.

Xunto a isto solicitaron que nesas proposicións e ou iniciativas se inclúa tamén o acordo de dar traslado a todas as organizacións empresariais e sindicais actuantes en Galiza, así como o Consello Galego de Relacións Laborais e se acorde apoiar todas aquelas iniciativas, sindicais ou lexislativas, que contribúan a facer viábel este pronunciamento.