A CIG demanda ‘Verdade e Xustiza’ tras aparecer o corpo sen vida de Santiago Maldonado no Río Chubut

A central sumouse á campaña internacional para denunciar a súa “desaparición forzada”

Internacional -

A Confederación Intersindical Galega súmase á reclamación de Verdade e Xustiza tras confirmarse que o corpo sen vida atopado no río Chubut, na Patagonia, é o de Santiago Maldonado. Xa no seu momento a central sindical se sumara á campaña internacional para denunciar a súa desaparición forzada e reclamarlle ao Goberno de Arxentina que, de xeito urxente, investigara e atopara a Maldonado e se identificara e xulgara ás persoas responsábeis da súa desaparición.

Carta da familia

“A incertidume polo seu paradoiro rematou. O calvario que a nosa familia iniciou o mesmo día en que soubemos da súa desaparición non rematará até obter xustiza.

Moi pouco podemos dicir sobre os nosos sentimentos ante a confirmación da identidade de Santiago: esta dor non sabe de palabras.

As circunstancias do achado do corpo xéranos moitas dúbidas. Cremos que é o momento de avanzar con firmeza na investigación e deixar traballar sen presións ao Xuíz Lleral. Necesitamos saber que lle sucedeu a Santiago e quen son os responsábeis da súa morte. Todos. Non só quen lle quitaron a vida senón os que, por acción ou omisión, colaboraron no encubrimento e prexudicaron o proceso de busca.

Estabamos no certo ao reclamar pola inacción, ineficacia e parcialidade do xuíz anterior na tramitación da causa. Síguenos resultando inexplicábel a negativa do Goberno Nacional ante o ofrecemento de colaboración de expertos da ONU, de comprobada experiencia internacional. Ninguén poderá sacarnos da cabeza que se podería ter feito moito máis e moito antes.

Aos medios de comunicación, ás organizacións sociais, de dereitos humanos, gremiais, ás persoas que nos acompañaron nas marchas por Santiago, pedímoslles que sigan mantendo o reclamo de Xustiza, con máis forza que nunca e en paz. Ás forzas políticas que fagan o maior esforzo para apoiar e garantir todas as accións que nos axuden a atopar a Verdade e lograr Xustiza.

Desaparición forzada

A CIG colaborou nas distintas campañas e mobilizacións promovidas por organizacións sindicais arxentinas (principalmente a CTA-A e a CTA-T) e ten amosado a repudia por estes feitos directamente ao Goberno de Mauricio Macri, mediante escritos dirixidos á Presidencia da República, á embaixada arxentina no Estado español e ao consulado de Vigo.

O activista Santiago Maldonado desapareceu o pasado 1 de agosto tras a violenta represión por parte da xendarmería nacional das protestas que a comunidade mapuche de Pu Lof (na provincia de Chubut) estaba desenvolvendo en contra da ocupación das súas terras ancestrais, agora en mans da empresa italiana Benetton.

Na operación represiva participaron máis de cen axentes fortemente armados, que dispararon balas contra os membros da comunidade, destruíndo e prendendo lume ás súas pertenzas. Santiago Maldonado, un mozo de 28 anos, participaba solidariamente na loita da comunidade e na concentración en demanda de liberdade para o seu lonko, Facundo Jones (lonko é como se chama ao xefe do grupo de familias en lingua mapuche).

Segundo informaron as testemuñas presentes, membros da xendarmería arrastraron o mozo a un dos seus vehículos, e dende entón nada se sabe de Maldonado. Até agora, a investigación xudicial aberta non deu resultados. De acordo coa Convención Internacional para a protección de todas as persoas contra a desaparición forzada, o proceso debería clasificarse como "desaparición forzada de persoa" e non como "persoa extraviada".

Inacción do Goberno

Organizacións sociais, sindicais e políticas de Arxentina teñen desenvolvido varias xornadas de mobilizacións no país para exixir a aparición con vida do mozo e denunciar a inacción e a ineficacia do Goberno de Macri, que nega que fora detido e mesmo pon en dúbida a presenza de Maldonado na protesta mapuche. Á campaña de denuncia sumáronse organizacións e institucións de diferentes países.

O pasado mes de setembro a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) mesmo citou ao Goberno arxentino a unha reunión para este mes en curso para abordar a desaparición de Santiago Maldonado e Milagro Sala (líder da organización Túpac Amaru, detida en 2016 e que continúa en prisión a pesar de que a súa pena fica en suspenso).

Volver