A CIG demanda a Sergas e 061 que doten a comarca do Salnés cunha ambulancia medicalizada

Solicita que, de contado, os concellos contesten ás peticións de reunión cos traballadores/as e coa central sindical

Compostela -

A FGAMT-CIG demanda, xunto co colectivo de técnicos en emerxencias sanitarias do Salnés, que se dote urxentemente á comarca cunha ambulancia medicalizada. Denuncian que o pasado sábado un xogador de fútbol, menor de idade, sufriu un desgraciado accidente traumático e que tivo que esperar á chegada dun helicóptero medicalizado, con base en Santiago, entre 30 e 40 minutos para ser evacuado. Unha situación diante da que Xavier Aboi pide responsabilidades á consellaría e que os concellos contesten ás peticións de reunión coa CIG e co colectivo de traballadores/as o máis axiña posíbel.

A CIG, o colectivo de Técnicos en emerxencias sanitarias da comarca do Salnés e o comité de empresa de Ambulancias Pontevedra, empresa concesionaria do transporte sanitario urxente(061) e non urxente de toda a area Norte da provincia de Pontevedra, explican que o pasado sábado, día 23 de xaneiro no campo de futbol de O Terrón en Vilanova de Arousa , un menor de idade, xogador do Club de Futbol Vilanova, foi evacuado en helicóptero a un centro sanitario de Santiago de Compostela logo de sufrir un accidente traumatico mentras xogaba un partido de futbol.

Sinalan que, segundo as noticias publicadas na prensa local e contadas por testemuñas presenciais, o xogador –que xa está fóra de perigo- tivo que agardar entre trinta e corenta minutos a chegada da asistencia sanitaria tendido sobre o propio terreo de xogo. Matizan, en todo caso, que non queren utilizar este tipo de acontecementos para crear ningún tipo de alarma social, eludir responsabilidades, nin cargar culpas indiscriminadas contra ninguén. Porén subliñan que “accidentes deste tipo, ou parecidos, e nos que xorden queixas na opinión publica pola tardanza da asistencia sanitaria son cada vez mais comúns nesta comarca”.

A este respecto explican que, pola información aportada polos compañeiros que estaban de garda nas dúas ambulancias asistenciais que o 061 ten na comarca do Salnes (Vilagarcía e Cambados), a hora á que ocorreu o accidente as dúas estaban ocupadas realizando outros servizos urxentes polo cal non puideron desprazarse nun primeiro momento. “Cando isto ocorre -cada vez con mais frecuencia- a central de urxencias sanitarias 061 adoita mobilizar outro recurso alleo á súa rede (Protección civil, Ambulancia privada) ou algunha propia de localidades limítrofes como Caldas de Reis”.

Advirten, en todo caso, do descoñecemento da dispoñibilidade destes recursos á hora do accidente pero, “supoñemos que non estarían operativas pois ao lugar non se desprazou ningunha delas e a decisión que se tomou foi mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela e ao mesmo tempo enviar o medico dun centro de saúde próximo nun taxi”, din.

Entenden que, ante a tardanza da asistencia sanitaria, o nerviosismo e indignación se apoderara dos presentes no campo de fútbol ata que ao final o neno foi atendido e trasladado ao centro sanitario. Un malestar que “quedou reflectido ante os compañeiros que foron enviados ao lugar cando remataron o servizo que estaban a facer e que, como é habitual, son o branco das queixas da xente cando estas cousas suceden. Algo o que, por desgraza, estamos a sufrir cada vez con mais frecuencia”.

Lamentan non ser quen de conseguir unha mais rápida asistencia e denuncian que “por moito empeño que poñamos, os medios materiais e humanos cos que contamos son os mesmos que hai  18 anos, cando este servizo de urxencias sanitarias comezou  a funcionar”. Medios que se limitan a dúas ambulancias asistenciais con base en Vilagarcía e Cambados e que cobren toda a comarca do Salnés, cunha poboación de aproximadamente 80.000 habitantes.

Máis de dez anos reclamando outra ambulancia medicalizada

A CIG lembra que leva máis de dez anos reclamando, xunto co colectivo profesional, polo menos outra ambulancia máis para esta comarca e que no último ano e medio, de forma mais intensa, desenvolveron unha campaña en demanda dunha ambulancia medicalizada. “Pensamos que é necesaria e os datos da OMS así o avalan, non só por ratio de habitantes senón tamén por outras características socioeconómicas que esta comarca posúe”.

O representante da FGAM-CIG, Xavier Aboi, sinala que nos últimos meses se recolleron miles de sinaturas a través dunha plataforma creada con este fin; celebráronse entrevistas con diversos colectivos da comarca e forzas políticas; presentouse unha pregunta a este respecto na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galiza a través do BNG; convocáronse mobilizacións e levouse a debate en todos os concellos da comarca e na mancomunidade. Reivindicacións que 2 apoiadas en todas as institucións e organismos agás no concello de Vilanova de Arousa no que non se aprobou a moción porque, segundo o seu alcalde, xa existe unha UVI móbil no Hospital do Salnes. Un vehículo que “só se utiliza para traslados interhospitalarios  e o persoal que traballa con el non fai gardas presenciais senón que está localizable e nunca dispoñible nun tempo inferior a 40 minutos ou máis”.

A CIG, e o colectivo de técnicos/as de emerxencias sanitarias do Salnés lamenta este triste accidente e que este ocorrera precisamente en Vilanova de Arousa. Denuncia, en todo caso, a insensibilidade deste concello ante estes datos que reflicten a necesidade real de máis medios de emerxencia sanitaria na comarca e agardan que se explique, por parte das autoridades, o aquí acontecido.

Reiteran á consellaría e o 061 a demanda dunha ambulancia medicalizada para a comarca do Salnés e que os concellos dean resposta á petición de reunión coa CIG e coas/coas traballadores/as.

Volver