A CIG de Ourense analizou os riscos dos fenómenos meteorolóxicos adversos e a súa prevención nos centros de traballo

No marco da xornada organizada pola central sindical na 19ª edición do Salón da Prevención e Seguridade Laboral (Previsel)
Ourense - 17 Mar 2026

A CIG de Ourense participou un ano máis no Salón da Prevención e Seguridade Laboral (Previsel, que os pasados días 11 e 12 de marzo celebrou a súa 19ª edición, centrada nesta ocasión na análise dos fenómenos meteorolóxicos adversos e das súas consecuencias tanto no medio natural como nas condicións de traballo.

A xornada organizada pola central sindical o xoves contou coa participación de diversos especialistas, que abordaron esta realidade desde distintas perspectivas. Así, Manuel Martínez Méndez, bombeiro forestal experimentado, ofreceu unha charla baixo o título ‘Os incendios forestais extremos. Un percorrido polo mundo ata acabar na nosa terra’, na que analizou a evolución deste tipo de lumes de grande intensidade e os riscos que representan tamén en Galiza.

Pola súa parte, Xosé Santos Otero, axente ambiental, técnico en prevención de riscos laborais e activista ambiental, centrou a súa intervención na conservación do medio ambiente, abordando os danos que os fenómenos extremos provocan nos hábitats e no patrimonio natural, así como as súas consecuencias para a biodiversidade e para a saúde das persoas.

Na xornada interveu tamén o anterior secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, técnico superior en prevención de riscos laborais, quen afondou na necesidade de integrar os fenómenos meteorolóxicos adversos e as catástrofes na prevención dentro das empresas, incidindo na importancia de que as organizacións incorporen estes riscos na planificación preventiva para garantir a protección das persoas traballadoras.

A clausura correu a cargo da actual secretaria comarcal, Xulia González Pascual, quen lembrou que a provincia viviu o pasado ano unha vaga de lumes “terríbel”, que calcinou vilas enteiras que e “marcou profundamente” a vida de moita xente, ademais de causar enormes danos ambientais e materiais. Entre as consecuencias daqueles incendios, lembrou tamén que unha fábrica de compoñentes para automóbiles na Rúa chegou a arder, evidenciando que este tipo de fenómenos extremos tamén poden afectar de xeito directo á actividade industrial e ás condicións de traballo.

Neste sentido, destacou que desde a CIG “levamos anos apostando pola formación das persoas delegadas en materia de prevención de riscos laborais, porque é unha ferramenta fundamental para defender a saúde e a vida da clase traballadora”. A finalidade destas xornadas é precisamente que o coñecemento adquirido se traslade aos centros de traballo e se converta en ferramentas para esixir ás empresas medidas reais de prevención.

A secretaria comarcal incidiu tamén en que non abonda con ter protocolos escritos, senón que estes deben facerse efectivos e aplicarse na práctica, especialmente nun contexto no que os fenómenos meteorolóxicos extremos son cada vez máis frecuentes.

“Ningún traballo, ningún, pode poñer en risco a saúde e a vida das persoas traballadoras”, concluíu, polo que reclamou que as empresas e as administracións sitúen a prevención como unha “prioridade real” e non como unha “simple formalidade documental”.