A CIG da CRTVG solicita do Consello de Contas ampliar a fiscalización por posíbel infracción da Lei de Contratos do Sector Público

Presentou esta mañá unha alegación ao acordo adoptado polo organismo respecto do ente público
Nacional - 21 Xun 2023

A sección sindical da CIG na CRTVG vén de presentar alegacións ao acordo adoptado polo Consello de Contas, a raíz da denuncia presentada pola central sindical en relación co contrato a Overon, polo que se resolvía “incluír no Plan Anual de Traballo de 2024 unha fiscalización específica no ámbito da contratación da CRTVG, que abranguerá, cando menos, o contrato respecto do que se formula a comunicación, así como o anterior adxudicado no 2018”. A CIG solicita que esa fiscalización se estenda tamén á posíbel infracción da Lei de Contratos do Sector Público e ao dereito a comunicar e recibir información veraz.

Con pleno respecto á autonomía e criterio técnico do Consello de Contas, a CIG entende necesario que na fiscalización específica que se vai realizar no ámbito da contratación da CRTVG se teña en conta a posíbel infracción dos artigos 28.1 e 116.4 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, que obrigan a xustificar a insuficiencia de medios propios como requisito para a externalización dun servizo público mediante o contrato de servizos.

Neste sentido, considera que a decisión da dirección da CRTVG de prescindir da DSNG que ten en propiedade desde o 1 de xaneiro de 2023 e a infrautilización das 8 mochilas 4G das que dispón, ao mesmo tempo que mantén inalterado o contrato administrativo con Servicios Audiovisuales Overon, S.L., implica unha inutilización de medios propios incompatíbel coas normas indicadas. Un contrato, que a CIG, facendo un cálculo prudencial, cifraba en de máis de 1 millón de euros de malgasto por este concepto.

A sección sindical tamén solicita que se fiscalice a posíbel afectación do dereito fundamental a comunicar e recibir libremente información veraz do artigo 20 CE, en relación co artigo 35 da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza, que impide á CRTVG ceder a terceiros a realización e edición de programas informativos e outros que expresamente determine o mandato marco.

A este respecto apunta que a xestión externalizada do servizo de directos supón que o persoal de Servicios Audiovisuales Overon, S.L. interveñan na realización e edición de contidos informativos que por lei están reservadas ao persoal da CRTVG, que como empregados públicos están sometidos aos principios éticos e de conduta regulados nos artigos 53 e 54 do Real Decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.

Fiscalización do contrato

A CIG presentara, o pasado mes de marzo, unha solicitude para que este organismo investigara o contrato do ente con Overon, adxudicataria do Servizo de Produción e Transmisión de Sinal de Directos para a Corporación. A raíz desta, o Consello de Contas remitía, o pasado día 6 de xuño, un escrito coa resolución do organismo no que concluía que a “relevancia cuantitativa do contrato, a posíbel afectación do principio de igualdade de trato pola exclusión de empresas nas licitacións de 2018 e 2021, así como os feitos expostos na denuncia, constitúen indicios de incumprimento que aconsellan realizar unha fiscalización específica da execución do contrato”.