A CIG da Coruña presenta alegacións á Renda Social Municipal e demanda que se dote de suficiencia orzamentaria

No obxectivo de "configurar unha verdadeira renda social, universalizada, cunha mellor cobertura e con maiores garantías de execución"
A Coruña - 18 Xul 2016
A Unión Comarcal da CIG da Coruña entregou por rexistro esta mañá, tal e como tiña anunciado, as alegacións á Renda Social Municipal, que nestes momentos se atopa en fase de exposición pública. Para facer eficaz a RSM, a central sindical demanda que se dote de suficiencia orzamentaria, de modo que existan plenas garantías da súa aplicación e que a falta de presupostos non poida constituír motivo de denegación para aquelas persoas beneficiarias da mesma que cumpran todos os demais requisitos.

En canto ás alegacións presentadas, a CIG da Coruña insta a mudar o indicador económico de referencia estabelecido, o IPREM, e recoñecer o Salario Mínimo Interprofesional como índice referencial, tanto para medir a capacidade económica das persoas beneficiarias como para estabelecer a contía da renda. Neste senso, o Secretario Comarcal, Xabier Filgueira, lembra que o IPREM “foi un invento no seu momento para non trasladar o incremento do SMI ás rendas públicas, supondo un recorte polo tanto nas prestación”.

Pídese tamén a ampliación do límite temporal da concesión de seis meses até os 12 meses, prorrogábeis se perdura a situación inicial que deu orixe á renda. “Estaríamos diante de situacións de auténtica exclusión social e é moi probábel que esta situación perdure no prazo dos seis meses”, apunta Filgueira.

Outra das alegacións presentadas pola CIG da Coruña ten a ver coa universalización desta axuda, por iso considera que habería que ampliar o que se entende por unidade de convivencia, sobre todo tendo en conta o feito de persoas que podan vivir xuntas nunha mesma vivenda ou aloxamento debido a situacións contrastábeis de extrema gravidade. Nesta liña, estabelecer tamén unha definición de domicilio que permita outorgarlle tal consideración cando unha ou máis persoas convivan xuntas de forma independente.

En canto ás incompatibilidades da RSM con outras axudas, a central considera que habería que contemplar aqueles supostos de solicitantes de RISGA que levan máis de dez meses agardando a súa concesión.

No relativo á estimación da capacidade económica de que dispón a unidade de convivencia, a CIG propón que non se consideren como recursos os ingresos non regulares de escasa contía que unicamente resulten un complemento de supervivencia; os ingresos de carácter finalista dirixidos á formación regulada; os ingresos por asistencia a cursos de formación non regulada, sempre que pola súa natureza e menor contía se deduza que só remuneran os gastos de asistencia ao curso ou incentivan a formación; as prestacións familiares por fillo ou filla menor a cargo xeradas polas persoas integrantes da unidade de convivencia; ter un vehículo.

Así mesmo, Filgueira apuntou que  preciso tamén definir que ten que entenderse por emprego adecuado (sobre todo nestes tempos de precarización absoluta das relacións laborais), xa que un dos requisitos é estar inscrito ininterrompidamente no Servizo Público de Emprego e non rexeitar unha oferta de traballo.

O Secretario da CIG da Coruña concluíu que a central presenta estas alegacións “co ánimo de contribuír ao melloramento da RSM, e no obxectivo de configurar unha verdadeira renda social, universalizada, cunha mellor cobertura e con maiores garantías de execución".