A CIG chama a participar na manifestación deste sábado contra o peche de Alcoa

A protesta sairá ás 11 horas dende a Praza da Palloza e irá até a Delegación do Goberno

A Coruña -

A Unión Comarcal da CIG da Coruña fai un chamamento a toda a cidadanía da comarca para que participe na manifestación convocada polo comité de Alcoa Inespal para este sábado, 20 de outubro, en contra do peche da fábrica e o mantemento dos preto de 400 empregos. A marcha sairá da Praza da Palloza ás 11:00 horas e rematará diante da Delegación do Goberno.

Dende que o mércores a dirección de Alcoa anunciara a súa intención de pechar as plantas da Coruña e Avilés, o comité e os traballadores e traballadoras teñen iniciado un calendario de mobilizacións e contactos institucionais para organizar unha fronte común de presión que obrigue a  multinacional norteamericana a retirar o expediente de despedimento colectivo.

Mobilizacións e contactos institucionais

Así, o persoal ten montado un piquete permanente na entrada da fábrica, realiza concentracións diarias de luns a xoves, ás 17 horas, na porta de acceso e, alén da manifestación deste sábado, xa está convocada unha nova marcha para o luns 29 de outubro, dende a factoría até a Delegación do Goberno.

Ademais, este venres unha representación do comité realizou unha intensa axenda institucional, que se iniciaba coa entrevista co delegado do Goberno, Javier Losada, continuaba cunha reunión co Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e o conselleiro e Industria, Francisco Conde, e remataba coa aprobación por unanimidade no Plano extraordinario municipal da Coruña, dunha declaración de apoio total á loita dos traballadores/as de Alcoa.

Necesidade dunha tarifa eléctrica propia

Julio Moskowich, delegado da CIG no comité de Alcoa subliñou que o importante agora é que empresa retire o expediente e a partir de aí encetar o proceso de reforma do sistema eléctrico, "porque está claro que en 40 días -en referencia ao tempo de negociación do ERE- non se pode facer ningunha lexislación desa magnitude".

Nesta liña, o representante do persoal avogou pola necesidade de que Galiza conte cunha tarifa eléctrica propia que permita abaratar os custes enerxéticos da nosa industria, en base á nosa condición de produtores e exportadores de enerxía. Lembrou que a CIG elaborou unha proposta para a creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se poidan acoller as empresas electrointensivas -como Alcoa- baixo o cumprimento dunha serie de requisitos e que recoñeza o estatus específico deste tipo de industrias grandes consumidoras de enerxía.

A fábrica ten futuro

Somos unha fábrica competitiva, temos futuro e imos defender os nosos empregos até o final"

Neste senso, engadiu que, fronte aos argumentos de carácter técnicos, produtivo e organizativo esgrimidos pola multinacional do aluminio, "na realidade o problema é o prezo da enerxía", que no caso de Alcoa supón o 40% dos gastos de produción. "Non compartimos en absoluto que a fábrica da Coruña estea anticuada. É certo que precisa dunha modernización para ser máis eficiente, pero se tiveramos uns prezos da electricidade máis competitivos, esta planta estaría gañando cartos". Especialmente até hai dous meses cando se disparou o prezo da enerxía batendo todos os récords históricos.

"Somos unha fábrica competitiva e temos futuro", reitera Moskowich, por iso chama ás administracións a exercer toda a presión posíbel sobre Alcoa para que retire o expediente de despedimento, e a partir de aí afrontar un proceso de negociación con todas as partes implicadas (administracións, empresa e representación sindical) para acadar unha solución definitiva a longo prazo que garanta a continuidade da actividade e dos empregos.

Volver