A CIG cualifica de “atentado á democracia” o encarceramento de Cuixart (Omnium) e Sánchez (ANC)

Exixe a liberación dos presos políticos cataláns

Internacional -

A Executiva Confederal da CIG, ante a decisión de onte, 16 de outubro, da Audiencia Nacional de enviar á cadea a Jordi Cuixart (presidente de Òmnium Cultural) e Jordi Sánchez (presidente Assemblea Nacional Catalana), quere manifestar o seu rexeitamento máis absoluto deste despropósito xudicial, un auténtico atentado á democracia máis propio de estados ditatoriais que de estados, como o español, que se di de dereito e respectuoso cos valores da democracia.

Tampouco se pode esquecer -e denunciar- que esta decisión xudicial do órgano sucesor do franquista Tribunal de Orde Pública (de infausto recordo) responde a motivacións políticas, auspiciadas polos poderes do Estado, e nomeadamente polo Goberno do PP, na súa cruzada contra o proceso soberanista iniciado polo pobo catalán e as súas institucións. Unha cruzada que non entende máis que de represión á hora de respetar o dereito a decidir de Catalunya, mesmo traspasando todos os límites do democraticamente tolerábel, como se demostrou o pasado 1 de outubro, cando se quixo reprimir violentamente o dereito dos cidadáns e cidadás de Catalunya a votar en referendo a súa constitución ou non nun estado propio en forma de república.

Así mesmo, e nestes momentos especialmente duros para o soberanismo catalán, pola actuación represiva de todos os poderes do Estado, máis unha vez desde a CIG queremos transmitir toda a solidariedade de clase ao pobo de Catalunya, conscientes de que máis cedo que tarde a independencia chegará e a República catalá será unha realidade no concerto dos pobos e nacións do mundo.

Llibertat Sánchez i Cuixart!

Visca la terra lliure!

Avante a loita dos pobos pola súa liberación nacional e social!

 

Volver