A CIG cre que o acordo para o reparto da cota de xurelo é un "parche" e non unha solución definitiva

Entende que, en todo caso, supón un primeiro chanzo para abrir o diálogo co sector
Compostela - 12 Feb 2016
Xavier Aboi, responsábel do sector do Mar da FGAMT-CIG, considera que o acordo ao que se chegou na xuntanza maratoniana celebrada este xoves para o reparto das cotas de xurelo “non é a solución definitiva, máis ben un pequeno parche” que permite que, polo menos, todos os barcos teñan un mínimo colchón en función da súa tonelaxe e que todos os barcos teñan legalmente e cara ao futuro un mínimo para poder pescar.

Aboi, que participou en representación da CIG na xuntanza celebrada onte entre a Consellaría de Pesca, as asociacións de empresarios/as do Cerco e a Federación de Confrarías, entre outros, entende que a solución definitiva para a flota do cerco galego pasa porque “dunha vez por todas os Gobernos galego e español reclamen en Europa a cota que os galegos/as historicamente tivemos, e que se faga un reparto xusto tendo en conta o aspecto social da pesca, o que a pesca significa para Galiza, e non en función de quen pesa máis en cada momento e en cada goberno”.

Sostén que “é inadmisíbel que siga habendo un reparto en Europa que Madrid acepta e o goberno de Feijóo non cuestiona, no que países como Alemaña, con catro barcos, teñen tres veces e media e máis cota que toda a flota galega”. Para Aboi ese reparto non é só “inxusto” senón mesmo “inmoral”. Por iso defende que “ hai que cambialo como sexa”.

A isto engade que “non é razoábel” que desde a consellaría se lancen campañas de foguetería e propaganda “como se foran as festas do Carme de Bouzas” falando de gran acordo para o cerco, cando o único que se fixo, ao entender da CIG, “foi un reparto minimamente xusto, da miseria de cota de xurelo que hoxe ten a flota galega”.

A central entende que este acordo non soluciona os problemas do cerco galego, pero pode empezar a abrir portas para un camiño de futuro e ademais amosa que hai boa disposición a falar e dialogar por parte do sector.

Neste sentido, Aboi reitera que aínda“nos queda por pelexar polo tema da anchoa, pois a flota galega ten tan só o 1% e a flota andaluza case o 99%, cando a anchoa pasa tamén polas nosas costas”. Xunto a isto sinala que falta tamén un plan de recuperación da sardiña, con paradas biolóxicas pagadas e non alongadas no tempo, como pasou o ano pasado. “Son moitos temas que hai que falar e negociar para que Madrid mude criterios de repartos. Pero primeiramente precisamos que a Xunta deixe de darlle as costas ao sector e se convenza de que a pesca pode ser un sector con futuro na Galiza se está ben regulado e apoiado”.

Por iso, fronte á satisfacción amosada pola consellaría, á que Aboi acusa de “tentar tapar, diante da opinión pública con fume e notas de prensa a súa nefasta xestión”, a CIG exixe “que se deixe de entroidadas e que se poña a traballar”.

A central adianta que seguirá a rerclamar que se convoque ao sector e ás organizacións sindicais, as veces que fagan falta, para tratar os asuntos pendentes e traballar nunha proposta galega do cerco. “Só así, cando haxa futuro para o medio de vida de centos de familias e a economía de moitos concellos costeiros poderemos falar na CIG de satisfacción”, conclúe o responsábel do sector do Mar.