A CIG-Correos denuncia que a unidade de reparto do Polígono Costa Vella leva desde setembro sen servizo de limpeza

Compostela - 25 Xan 2024

A CIG-Correos vén de denunciar que a unidade de reparto nº 2, do polígono de Costa Vella leva desde o mes de setembro sen servizo de limpeza. Segundo explican, a traballadora responsable da limpeza está de baixa desde aquela e transcorridos 5 meses, aínda non foi substituída por ninguén.

O representante da CIG-Correos de Compostela, Manuel Anxo Álvarez, sinala que o persoal desta unidade de reparto fai todo o posible por garantir que as condicións sexan salubres, porén os baños están inutilizables.

“O que non é normal é que teña que ser o persoal de Correos quen se encargue da limpeza do centro de traballo, cando hai unha empresa contratada para facelo que ten a obriga de garantir a prestación do servizo e de substituír ao persoal, máis nun caso como este, no que estamos ante unha baixa prolongada”, explica.

Diante desta situación, a CIG-Correos demanda que se contrate, de inmediato, o persoal preciso para o servizo de limpeza e que remate dunha vez por todas esta situación. Lembra que “a empresa concesionaria está cobrando por un servizo que non está realizando” e que “a súa obriga é contar co persoal necesario para prestalo”. Nun caso como este, matiza Álvarez, “é responsabilidade da empresa substituír ao persoal e o que non pode, baixo ningún concepto, é suplilo co propio persoal de Correos, porque non son as súas tarefas propias e porque bastante ten co seu traballo”.