A CIG-Correos alerta da situación que se está a vivir na Unidade de Reparto de Teixeiro, onde a falta de persoal está provocando unha importante acumulación de correspondencia, unha sobrecarga de traballo para o persoal e graves dificultades para garantir con normalidade o servizo postal.
A unidade dispón de 9 seccións de reparto, das que actualmente só 4 están cubertas. Esta situación obriga o persoal que permanece na unidade a asumir unha carga de traballo moi superior á que lle correspondería, con rutas que poden alcanzar unha media de 250 quilómetros diarios de reparto. As zonas directamente afectadas pola falta de persoal son Aranga, Curtis, Teixeiro zona urbana e Vilasantar, unha parte importante do territorio ao que debe dar cobertura a unidade.
Para a CIG, pretender que este volume de traballo poida ser asumido con normalidade dentro dunha xornada ordinaria resulta incompatíbel cunhas condicións de traballo adecuadas e coa prestación dun servizo público postal de calidade.
Máis de 4.000 cartas acumuladas sen repartir
As consecuencias da falta de persoal xa son visíbeis na propia unidade. Segundo os datos trasladados pola representación sindical, máis de 4.000 cartas están actualmente acumuladas sen repartir, incluída correspondencia de especial relevancia para a cidadanía, como citas médicas ou comunicacións da Deputación da Coruña relativas ao pagamento da contribución, entre outras.
A esta acumulación súmanse máis de 300 envíos certificados sen saír ao reparto, unha situación que pode provocar atrasos e prexuízos ás persoas destinatarias, especialmente cando se trata de comunicacións sometidas a prazos.
Unha sobrecarga que vai moito máis alá do reparto
O sector de Correos da CIG denuncia que o problema non se limita ás seccións de reparto que permanecen sen cubrir, pois o persoal que actualmente está a traballar na unidade tamén debe asumir outras tarefas e servizos.
Entre elas atópase a atención das oficinas auxiliares de Sobrado, durante unha hora, e de Curtis, durante unha hora e media, ademais da recollida de valixas, paquetería, realización de seguros AXA e lotaría de Cruz Vermella.
“O problema é a falta de persoal e a solución pasa por contratar”
O sector de Correos da CIG considera que esta situación non pode ser presentada como un simple problema organizativo nin resolverse incrementando a carga de traballo do persoal que permanece na unidade.
“Non se pode pretender que catro persoas asuman o traballo correspondente a nove, con quilometraxes desproporcionadas e acumulación de correspondencia día tras día. O problema é a falta de persoal e a solución pasa por contratar”, aseveran.
A organización sindical advirte ademais de que manter esta situación no tempo supón trasladar sobre as persoas traballadoras as consecuencias dunha falta de cobertura de postos que corresponde solucionar á empresa, ao tempo que repercute directamente na cidadanía e na calidade do servizo público postal.
A CIG esixe a cobertura inmediata das seccións
Por todo isto, a CIG esixe a Correos que proceda á contratación de persoal da bolsa de emprego coa maior brevidade posíbel, cubrindo as seccións que actualmente permanecen sen persoal e adoptando as medidas necesarias para acabar coa acumulación de correspondencia.
“Desde a CIG non imos aceptar que a falta de persoal se siga solucionando cargando o traballo sobre os poucos traballadores que quedan na unidade. Correos ten que contratar e garantir o persoal necesario para prestar o servizo público que a cidadanía merece.”