A CIG-Correos de Vigo denuncia na Inspección de Traballo a falta de protección ao persoal ante agresións físicas

Persoas traballadoras da unidade de reparto 2 están sufrido ataques por parte dunha persoa que vive nas proximidades da oficina
Vigo - 15 Mai 2026

A CIG-Correos de Vigo presentou denuncia diante da Inspección de Traballo pola falta de medidas eficaces para protexer as persoas traballadoras no desempeño da súa actividade fronte ás agresións físicas por parte dunha cidadá. A central advirte da ineficacia do protocolo activado por Correos, solicita que se suspenda temporalmente a entrega postal no portal onde vive esta persoa e que se dote á unidade de reparto de servizo de seguridade, dada á proximidade co lugar de residencia da agresora.

A representación da CIG explica que os ataques por parte deste persoa contra as persoas traballadoras da unidade de reparto 2 de Vigo se veñen producindo dende hai un tempo, pero o suceso máis grave rexistrouse o pasado 7 de maio cando houbo un intento de agresión física cun coitelo e lanzando lixivia, ademais de provocar danos nas motos. 

Esta persoa ten unha fixación violencia co persoal de Correos e existe un risco real, inminente e grave de que estas agresións se volvan repetir

“Esta persoa ten unha fixación violencia co persoal de Correos e existe un risco real, inminente e grave de que estas agresións se volvan repetir”, sinala a CIG-Correos, apuntando que ademais o portal onde ocorreron os feitos é o seu lugar de residencia desta cidadá e atópase a escasos 10 metros do centro de traballo.

Ante esta situación, a CIG xa lle reclamou á dirección da empresa que adoptara medidas urxentes para garantir a integridade e seguridade do persoal, tales como a suspensión temporal do servizo de repartición no portal afectado, contactar coa comunidade de veciños/as para coordinar a recollida dos envíos postais directamente no centro de Correos e dotar a unidade de servizo de seguridade para controlar o acceso e impedir a entrada de persoas alleas a este.

Porén, na súa resposta, a empresa limitouse a asegurar que xa aplica o protocolo interno estabelecido para estas situacións, negando a posibilidade de poñer en marcha ningunha das medidas propostas pola CIG. “Este protocolo é totalmente insuficiente neste caso e non salvagarda a seguridade nin a integridade física do persoal”, destacan.

Por iso, a CIG-Correos solicita da autoridade laboral que determine a ineficacia do protocolo para este caso concreto e que lle ordee á compañía pública aplicar de inmediato medidas que garantan a integridade do cadro de persoal.