A CIG-Correos alerta do plan para suprimir as Oficinas Auxiliares de atención ao público

Denuncian que a eliminación de diversos medios técnicos nestas oficinas prexudicará especialmente á poboación das zonas rurais
A Coruña - 16 Mar 2016
A CIG-Correos vén de alertar da eliminación de diversos medios técnicos cos que a empresa postal pon en marcha “o seu plan para o desmantelamento definitivo das Oficinas Auxiliares de atención ao público”. Segundo informan, a semana pasada os servizos de mantemento de Correos recibiron orde de eliminar, o máis axiña posíbel, as balanzas franqueadoras existentes na maioría destas oficinas, polo que xa non se expenderán as clásicas estampiñas de franqueo nin os recibos xustificantes do prezo aboado polos distintos envíos.

A CIG-Correos explica que esta actuación hai que enmarcala dentro da política da empresa da redución de oficinas de atención ao público, “cun obxectivo aínda mais amplo de, unha vez rematada esta fase, continuar suprimindo as Oficinas Técnicas (oficinas clásicas de atención ao público nas vilas mais poboadas) menos rendíbeis”.

Esta decisión conlevará dificultades no desenvolvemento da labor diaria do persoal que presta servizo nestas oficinas, xa que os envíos de alto custe terán que ser franqueados con selos e que en moitos casos non haberá existencias na propia oficina.

Pero ademais, sinalan, as consecuencias son claras tanto para a empresa como para os seus usuarios e usuarias. Por unha banda, apunta Serxio Martínez, Secretario nacional da CIG-Correos, a supresión de mais de 50 postos de traballo en Galiza como consecuencia do peche das oficinas auxiliares (52) e, por outra, as dificultades tanto no envío como na recepción de correspondencia por parte dos usuarios/as.

“Unha vez levado a cabo o peche destas oficinas a poboación a que serven terá que desprazarse varios quilómetros até a oficina máis próxima para facer uso do servizo de Correos, tanto para depositar envíos como para recibir certificados, notificacións, paquetería, etc... que os carteiros e carteiras pasan a lista cando a persoa destinataria non se atopa no domicilio á hora do reparto”, engade.

Tendo en conta que estas oficinas atenden principalmente a zonas rurais e que nestas habitan persoas de avanzada idade, a CIG-Correos coida que esta medida non se debería levar a cabo, “xa que atende exclusivamente a criterios de rendibilidade económica, esquecéndose totalmente da rendibilidade social”.

A maiores non cómpre esquecer que Correos é a empresa que ten encomendado por lei a prestación do Servizo Postal Universal e polo que recibe anualmente unha subvención do Goberno para a prestación destes servizos deficitarios, polo que “insistimos en que non pode deixar desatendida a unha grande parte da poboación das zonas rurais”.