A CIG convoca paros nos centros de chamadas contra a paralización do convenio colectivo estatal

A central rexeita a proposta de flexibilización de horarios achegada pola patronal

Vigo -

A federación de Banca da CIG vén de convocar paros no sector dos centros de chamadas o vindeiro martes día 2 para denunciar que a negociación do convenio estatal se atopa totalmente paralizada. A central xa convocara protestas unha vez que a patronal propuxera a flexibilización de horarios, polo que o persoal tería que estar a disposición até 60 horas semanais para logo traballar e cobrar as fixadas por contrato (20-30).

Dende a CIG-Banca lembran que a negociación do convenio estatal está totalmente parada e que a patronal mantén posición maximalistas (eliminar categorías; eliminar horarios implantando algo parecido aos contratos 'zero hours' británicos, etc). “Despois de 12 meses de conversas a patronal advertiu que a negociación atrasarase debido a un proceso interno de renovación da súa directiva”. Diante disto, a central aposta por dar un paso máis no conflito e convoca paros para o vindeiro martes día 2.

Explican que os centros de chamadas son subcontratas que prestan servizos telefónicos a grandes compañías ou administracións públicas “que van dende pedir unha cita médica até chamar para dar un parte a un seguro, pasando por contratar a auga, a electricidade ou a telefonía”.

A maior parte dos contratos do sector son temporais e a tempo parcial; “trátase de empregos mal retribuídos, xa que estatisticamente os ingresos estarían por baixo do limiar do 'traballador/a pobre'”.

A pesar disto, denuncian que a patronal mantén unha actitude prepotente na mesa negociadora do convenio estatal que leva aberta 12 meses sen avances, perído no que só a CIG se ten mobilizado. O calendario de protestas iniciouse con concentracións de delegadas/os e agora irá máis alá coa convocatoria dos paros.

As mobilizacións da CIG comezaron despois de que a patronal puxera enriba da mesa uns horarios flexibles nos que o persoal tería que estar a disposición até 60 horas semanais “para logo traballar e pagar as fixadas por contrato (20-30)”.

Dende a central sosteñen que esta proposta horaria da patronal non ten encaixe na lexislación española: “semella estar inspirada nos denominados 'zero hours contrats' existentes na Gran Bretaña ou Finlandia; trátase dun contrato 'sen horas' no que a empresa só chama o persoal para os días e horas nas que di ter carga de traballo; isto obriga o persoal a estar a disposición da empresa as 24 horas do día os 7 días da semana”.

Outras propostas patronais serían eliminar as categorías profesionais, pagando un complemento cando se realicen determinados traballos de xeito habitual.

A patronal pretende un convenio precario

Segundo indican dende a CIG, a patronal alegou na última xuntanza que se atrasaría a negociación por un cambio na súa dirección. “Semella que pretenden alongar a negociación para logo alegar o fin da ultractividade e xustificar con así a sinatura dun convenio en precario, tal e como está a suceder noutros sectores”.

En resposta, a central convocou en solitario os primeiros paros o vindeiro 2 de febreiro: das 00.00 horas á 1.00 na quenda de noite; das 12.30 ás 13.30 horas na quenda da maña; e das 19.00 ás 20.00 na quenda do serán.

A estes paros están chamados/as os aproximadamente 8000 traballadores/as do sector dos centros de chamadas de toda Galiza, así coma o persoal contratado a través de ETT. 

Volver