A CIG ten convocados “martes negros” en Iberdrola, con concentracións durante o mes de outubro diante da sede central na Rúa de Valdeorras de 8:30 a 8:45 horas, para denunciar a ”escandalosa” perda de poder adquisitivo por parte do persoal da empresa eléctrica. Estas mobilizacións están a celebrarse tamén xe xeito simultáneo en Euskal Herria promovidas pola central sindical vasca ELA.
Con estas accións a CIG segue a darlle visibilidade ao feito de que as persoas traballadoras de Iberdrola perderon un 24% nos últimos seis anos respecto ao IPC, mentres a compañía bate récords de beneficios ano tras ano “e o único que nos ofrece a nós é seguir empobrecéndonos”. Mentres a alta dirección repártese centos de millóns de euros e aprobou recentemente un bonus de 400 millóns” para uns poucos privilexiados”.
As concentracións tratan de concienciar o persoal de oficinas para que se involucre nas mobilizacións acompañando ao resto de compañeiros/as “porque só a través da confrontación conseguiremos que a compañía cambie a súa política retributiva cos empregados/as”.
Dende a representación da CIG en Iberdrola explican que se convidou o resto de sindicatos a convocar mobilizacións conxuntas pero rexeitaron levar a cabo calquera tipo de acción. “Non teñen ningún calendario de protestas nin prevista convocatoria de folga a pesar de que a empresa se levantou da mesa de negociación en xullo e dixo claramente que non ía asegurar nunca o poder adquisitivo, xa que a súa última oferta era unha suba salarial irrisoria do 1,25%, cando o IPC xa está no 4,9%”.
Diante deste inmobilismo, a central nacionalista seguirá intentando concienciar a todo o persoal da compañía para que se mobilice co obxectivo de lograr un convenio xusto cunha suba salarial mínima que garanta o poder adquisitivo. “Animamos a todas as persoas traballadoras de Iberdrola a acudir a estas concentracións porque é necesario que martes tras martes a afluencia vaia medrando”.