A CIG convoca folga no sector dos centros de chamadas ante a pretensión da patronal de impoñer un “convenio lixo”

Esta nova xornada de paro desenvolverase o vindeiro día 11 e incluirá concentracións na Coruña, Vigo, Lugo e Ourense
Vigo - 05 Xul 2016
A CIG-Centros de Chamadas vén de anunciar a convocatoria dunha nova xornada de folga ante a pretensión da patronal de impoñer un “convenio colectivo lixo” a nivel estatal para un sector que emprega a unhas 8000 persoas no noso país. Con este paro, que se desenvolverá o vindeiro día 11 e que incluirá concentracións na Coruña, Vigo, Lugo e Ourense, a central quere rexeitar o bloqueo das negociacións e os intentos de recortar salarios e dereitos laborais.

A CIG-Centros de Chamadas decudiu retomar as mobilizacións para reclamar un convenio colectivo xusto no sector e convocar unha nova xornada de folga tras a paréntese aberta co obxectivo de intentar acadar unha unidade de acción sindical “que non foi posíbel porque CCOO e UGT nin sequera contestaron as nosas propostas, optando por reunirse ás nosas costas para tratar de demorar calquera contestación”.

Neste senso, dende a central nacionalista rexeitan a plataforma de negociación destes sindicatos, ao entender que “debera ser negociada e ratificada nun proceso aberto e participativo”. Entenden tamén que os traballadores/as teñen que ter a última palabra, polo que calquera acordo debera ser ratificado en referendo.

Consideran que tras a suspensión das protestas as empresas pensan que pacificaron o sector e que polo tanto vai aceptar un “convenio lixo”, por iso volven a bloquear a negociación do convenio. “Temos que demostrarlles que están erradas, que mantemos a nosa rebeldía fronte ás condicións inxustas que nos impoñen no día a día e fronte á súa intención de recortar salarios e dereitos”.

Así, amósanse convencidos/as de que a desmobilización prexudicou a negociación, xa que “a patronal envalentonada volveu ás andadas e presentou propostas duras, o que alonxa cada vez máis calquera posibilidade de acordo”. Diante disto, apostan por retomar as accións reivindicativas de xeito inmediato, “porque doutro xeito corremos o risco de dar por perdidas as subas salariais de 2015 e 2016, como está a acontecer noutros sectores coa complicidade dalgúns sindicatos”.

A primeira destas mobilizacións terá lugar o vindeiro día 11 coa convocatoria dunha nova xornada de folga no sector, que coincidirá coa celebración de concentracións de traballadores/as en distintos puntos da Coruña, Vigo, Lugo e Ourense.