CIG-Construción critica que nos actos da chegada do AVE se obviara a enorme sinistralidade nesta obra

Lembra que morreron 11 traballadores e se deron condicións laborais de escravitude
Ourense - 22 Dec 2021

A Federación da Construción e Madeira da CIG, diante dos actos políticos motivados pola chegada do AVE a Ourense, quere chamar a atención, unha vez máis, sobre o elevado número de accidentes laborais rexistrados durante as obras do tren de alta velocidade, nas que non se pode esquecer que morreron 11 traballadores e nas que existiron unhas condicións laborais de escravitude.

O secretario nacional da Federación de Construción, Plácido Valencia, critica que ningunha das autoridades presentes no acto de inauguración, lembrou a todos os traballadores que morreron na construción desta infraestrutura, nin tampouco se fixo mención aos accidentes graves que aconteceron ou á precariedade das condicións de traballo que tiveron que sufrir neste período, especialmente o persoal das subcontratas.

"As administracións, tanto as estatais como as galegas, sabedoras do que xa temos denunciado por todas as vías, incluso a penal, fan oídos xordos a este grave problema: que as persoas que acoden ao seu posto de traballo se xogan a vida en xornadas interminábeis e, en moitos casos, sen as medidas de seguridade preceptivas", denunciou.

Valencia fai mención especial ao colectivo de traballadoras/es transfronteirizos, "colectivo numeroso e máis fráxil pola súa situación de desprazadas/os, que sofre en maior medida esta vulneración de dereitos".

A FCM-CIG seguirá a denunciar o que acontece, unha vez e máis outra, nun gran número de obras públicas, coa explotación das e dos traballadores para que as empresas sigan gañando moreas de cartos, a conta incluso da vida dos seus traballadores/as.