A CIG-Construción de Vigo organiza unha xornada sobre a silicose dirixida a traballadores/as do sector

Terá lugar na biblioteca municipal do Porriño este xoves 19 ás 19:00 horas
Nacional - 18 Out 2017

A federación de Construción da CIG de Vigo organiza este xoves 19 na biblioteca municipal do Porriño (rúa Domingo Bueno, 9) unha xornada arredor da silicose dirixida aos traballadores/as do sector. No encontro, que dará comezo ás 19:00 horas, participarán técnicos/as especialistas do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e un técnico da propia central.

Segundo explican dende o sindicato, o obxectivo da xornada é poñer en común a situación que están a padecer moitos/as empregados/as dos sectores de canteiras, mármores e pedras, graveiras e construción -nos que a CIG detectou numerosos casos de silicose- e tamén para intentar facer visíbel esta enfermidade.

Deste xeito, os técnicos/as do ISSGA abordarán cuestións como os valores límites ambientais, a vixilancia da saúde, seguimento postlaboral, dispositivos médico-sanitarios en Galiza, etc. Ademais, un técnico do sindicato informará sobre aspectos xurídicos relevantes a ter en conta cando se confirma o padecemento de silicose.