A CIG-Construción clama cunha protesta en Negreira contra a explotación de persoas migrantes e esixe máis seguridade laboral

Desenvolveu unha concentración diante do edificio no que faleceu un obreiro brasileiro en accidente de traballo o pasado 9 de setembro
Nacional - 22 Out 2026

A Federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG continuou hoxe coa campaña que está a desenvolver nos últimos meses para denunciar a explotación laboral de persoas migrantes no sector e en demanda de máis formación e maior prevención en seguridade laboral. Nesta ocasión trasladou as protestas a un edificio en obras en Negreira no que faleceu un operario brasileiro en accidente de traballo o pasado 9 de setembro, onde despregaron unha faixa como lema da campaña: ‘Galegos e estranxeiros, a mesma clase obreira. Construción sen explotación’.

A concentración, na que participaron persoas delegadas da central sindical en empresas do sector de todo o país, desenvolveuse ao mediodía para chamar a atención sobre as condicións de precariedade e explotación nas que boa parte do persoal ten que desenvolver o seu traballo, especialmente as persoas migrantes que nutren de man de obra o sector mediante longas cadeas de subcontratación. Un persoal que ademais non conta a maior parte das veces coa formación necesaria e que ten que traballar sen as medidas de protección necesarias.

“Isto está a provocar un aumento dos sinistros, como os acontecidos o pasado 9 de setembro en Negreira no que faleceu un operario brasileiro, o 2 de outubro no Porriño no que foron feridos catro traballadores, onte nun edificio en Vigo no que resultaron lesionados dous operarios senegaleses ou hoxe mesmo en Ourense, no que foron feridos graves outros dous traballadores”, tal e como lembra Plácido Valencia, secretario nacional da CIG-Construción.

O responsábel sindical fai fincapé na necesidade de apostar pola formación no sector, así como por incrementar a prevención de riscos e seguridade e saúde laboral. “É necesario tamén un maior compromiso e unha acción decidida da Inspección de Traballo ante as numerosas denuncias presentadas ao longo do país polos graves incumprimentos das empresas, así como unha fiscalización das medidas adoptadas en materia de prevención de riscos”.

Con este obxectivo a CIG está a levar a cabo unha serie de accións no sector, como a desenvolvida o pasado 19 de xuño coa paralización das obras de rehabilitación do Castelo de Monterrei, en Verín, para denunciar as condicións de explotación que padecen as persoas traballadoras estranxeiras para chamar a atención sobre a situación na que se atopan estas persoas traballadoras (con orixe en países como Mauritania, Senegal, Marrocos, Brasil, Perú ou a India) das subcontratas portuguesas que prestan servizo para a UTE Extraco-Oreco, adxudicataria dos traballos encargados pola Xunta de Galiza.

Xornadas de máis de 10 horas e mesmo traballo en sábado son algunhas das irregularidades detectadas nunha obra na que se incumpre sistematicamente o convenio do sector, tal e como a central sindical denunciou diante da Inspección de Traballo a finais do ano pasado. A raíz da protesta a autoridade laboral respondeu a varias das denuncias dándolle en parte a razón á CIG nalgunhas cuestións, polas que abre acta de infraccións graves en materia laboral, “aínda que din que outras non foron quen de constatalas”.

Naquela ocasión, ao igual que no caso da mobilización de hoxe, despregaron unha faixa co lema que resume a principal reivindicación da campaña: ‘Galegos e estranxeiros, a mesma clase obreira. Construción sen explotación’. Finalmente, dende a central sindical insisten en que seguirán coas denuncias e as accións de protesta até que se garantan condición dignas e un “escrupuloso” cumprimento da lexislación laboral e en materia de prevención de riscos para rematar, dunha vez por todas, coa “lacra” dos accidentes laborais en todas as obras.