A CIG consolídase como primeira forza sindical na comarca de Ferrolterra

A central nacionalista obtivo un total de 290 delegados/as, acadando o 33,37% da representación

A Coruña -

Unha vez finalizado o período concentrado de eleccións sindicais, a Confederación Intersindical Galega (CIG) consolídase como primeira forza sindical na comarca de Ferrolterra. A central nacionalista obtivo un total de 290 delegados e delegadas e unha representatividade do 33,37%, fronte ao 29,46% (256 delegados/as) de UGT e ao 24,74% (215 delegados/as) de CCOO.

O responsábel Comarcal, Manel Grandal, salientou os resultados positivos conseguidos pola Confederación Intersindical Galega nun contexto socio-laboral como o de Ferrolterra, marcado polas elevadísimas taxas de desemprego, a emigración e a precariedade, “o que implica un debilitamento xeral da clase traballadora fronte á patronal, agudizado polas reformas laborais e mesmo pola posta en marcha da Lei Mordaza”.

Unha situación que se reflicte no feito de que neste último período de eleccións elixíronse na comarca 492 delegados e delegadas menos; un descenso do 36% a respecto do período anterior. Unha caída que se deixou sentir en todos os sectores aínda que con maior incidencia na Construción (-51.3%), a Banca (-50%) e a Industria (-40.09%). Porén, o sector Servizos tampouco resultou alleo a este declive cun descenso no número de representantes a escoller que acadou o 33.37%.

Neste marco, a CIG foi o sindicato que máis medrou en porcentaxe de representación, logrando o 33.37%, é dicir, un 0.75% máis que no anterior período. A nivel sectorial, a CIG é primeira forza nas Federacións de Administración, Construción, Sanidade FGAMT e Servizos (nestas dúas últimas, a CIG pasou de ser a segunda forza a ser a primeira). Así mesmo, a central nacionalista acadou o segundo lugar nas Federacións de  Industria, Ensino e Banca.

Destacar tamén que no que respecta á localidade das Pontes, a central sindical converteuse na primeira forza cun 47,56% da representación, fronte ao 34,45% de UGT e ao 21,36% de CCOO.

Para a Unión Comarcal de Ferrol, estes resultados veñen recoñecer o traballo feito na defensa da clase traballadora nun contexto de máxima adversidade. Por iso dende a Executiva Comarcal da CIG recoñecen “moi especialmente a valentía dos centos de traballadores/as que decidiron dar un paso adiante na defensa dos dereitos dos seus compañeiros e compañeiras e presentarse nas nosas candidaturas, sufrindo en moitos casos a represión dos empresarios e mesmo arriscando o seu posto de traballo”.

Dende a Executiva Comarcal da CIG agradeceron tamén a todos/as traballadores/as que depositaron o seu voto polas candidaturas da CIG, “facilitando os resultados acadados, e o fortalecemento dun proxecto vital para a defensa colectiva dos dereitos e dos intereses dos traballadores/as do noso país”.

Nesta liña, Manel Grandal concluíu que os datos amosan “que houbo unha aposta das traballadoras e dos traballadores desta comarca polo sindicalismo que representa a CIG. Este resultado danos azos para seguir traballando e afondando no noso proxecto sindical”.

Volver