A CIG condena o masacre Israelí contra a poboación palestina

Na celebración do “Día da Terra”, na fronteira de Gaza

Internacional -

A Confederación Intersindical Galega denuncia a cruel e violenta represión que Israel exerceu o pasado 30 de marzo contra a poboación palestina nas fronteiras de Gaza, onde miles de mulleres, homes e crianzas se manifestaban na Grande Marcha do Retorno, que se celebra desde hai anos por esta data, en lembranza dos seis palestinos mortos en 1976, cando loitaban contra a expropiación das súas terras.

A consecuencia desta represión 16 persoas foron asasinadas e máis de mil resultaron feridas polos disparos das forzas de ocupación israelís contra a multitude, con munición real e gases lacrimóxenos, nalgún caso disparando polas costas. Esta ofensiva colapsou os xa de por si deficientes servizos médicos de Gaza, que leva tempo bloqueada por terra, mar e aire por Israel, sendo unha grande prisión ao aire libre para miles de persoas.

Incumprimento das resolucións da ONU

Esta actuación inxustificable é un paso máis do estado israelí na súa violación reiterada dos dereitos humanos e o incumprimento das resolucións internacionais. A resolución 194 (1949) da ONU di claramente que “os refuxiados e refuxiadas que desexen regresar aos seus fogares e vivir en paz coa súa veciñanza deberán poder facelo na data máis próxima posíbel. Mais, Israel incumpre constantemente esta e moitas outras resolucións, amparada polo silencio das principais institucións internacionais e o apoio das grandes potencias, especialmente EE.UU (mais tamén a propia UE). Ambos os dous países, Israel e EE.UU. acaban de bloquear, precisamente, unha investigación independente sobre estes acontecementos, que se solicitou desde outras instancias internacionais.

Resulta lamentábel a impunidade coa que Israel vén masacrando ao pobo palestino, fóra e tamén dentro dos seus territorios. As constantes agresións, detencións e asasinatos, a proliferacións das colonias dentro do seu territorio, a desestruturación que supón o muro que o percorre, o bloqueo, a explotación, a discriminación, e todos os actos que exercen dun xeito ou outro. A violencia e dominación dun estado colonial que exerce o apartheid, teñen que ser condenados e paralizados dunha vez por todas pola comunidade internacional.

A CIG expresa toda a nosa solidariedade co pobo palestino e exixe que, dunha vez por todas, se lle poña freo a esta impunidade por parte de Israel contra os continuos incumprimentos e violacións dos dereitos humanos da poboación palestina.

Volver