A CIG concéntrase contra os despedimentos e as represalias de Monbus no transporte urbano de Santiago
A central sindical denuncia seis despedimentos e ducias de sancións e empraza o Concello a implicarse nun conflito que coincide co proceso de subrogación da nova contrata
A FGAMT-CIG de Compostela concentrouse esta mañá para denunciar a “situación límite” na que se atopa o persoal do transporte urbano de Santiago por mor dos despedimentos e as sancións que está a aplicar Monbus contra traballadores e traballadoras que reclaman condicións laborais dignas. A mobilización coincidiu coa celebración do acto de conciliación polo despedimento de Anxo Brao, unha das persoas máis significadas na folga do transporte na provincia da Coruña.
Segundo denunciou Nacho Pavón, no decurso da mobilización, esta situación débese “única e exclusivamente á decisión de Monbus e de Raúl López, co que pretende frear as reivindicacións laborais fronte aos abusos que practica esta empresa, a golpe de despedimentos e sancións a ducias de compañeiros e compañeiras”.
Pavón salientou que van xa seis compañeiros despedidos pero hai ducias de persoas sancionadas por cuestións que, aparentemente teñen que ver co traballo, “pero a realidade é que non, que son simplemente unha maneira de represaliar a xente que está pedindo condicións dignas”.
O representante da FGAMT lembrou que esta situación vén de raíz da folga que houbo no sector na provincia da Coruña e explicou que despois, “durante as eleccións sindicais na empresa Monforte, houbo dous despedimentos de compañeiros que se querían presentar pola CIG”.
Eses despedimentos xa teñen datas de xuízo, pero agora, no transporte urbano de Santiago, xa despediron a dous traballadores máis. “O último deles é o máis grave de todos, porque houbo directamente unha montaxe para buscar unha xustificación para despedir un compañeiro que era dos máis activos sindicalmente na empresa”, asegurou.
Emprazamento ao concello de Santiago
Pavón emprazou ademais ao concello de Santiago a adoptar medidas, porque esta situación coincide co momento no que se vai producir unha subrogación do persoal. “Esa subrogación implicaría que estas persoas seguirían traballando na nova contrata, pero neste momento non poden facelo porque están despedidas de maneira caprichosa por Monbus”, advertiu.
Por iso considerou que o concello “non pode quedar de costas a este conflito” e anunciou que solicitarán unha xuntanza para que coñeza directamente cales son os motivos reais destes despedimentos.
Respecto do anuncio de Monbus de máis de 30 novas contratacións para os urbanos de Santiago, o representante da CIG considerou que isto confirma que o servizo de transporte urbano necesita moitas máis persoas das que hai neste momento no cadro de persoal das diferentes empresas que van ser subrogadas.
Ao tempo considerou que “é unha burla e unha falta de respecto que Monbus pague anuncios para dicir que lle faltan 30 traballadores mentres está despedindo a outros que teñen acumulados anos de experiencia no sector”.
Asegurou, canda isto, que “non ten ningún sentido que, ante esta situación, non se tomen medidas para evitar que isto ocorra, porque estamos falando de que non se chega ao 15 de decembro, cando se prevé que empece o novo contrato, coa totalidade do persoal necesario, porque non atopan condutores e condutoras”, concluíu.
Recoñecemento implícito das represalias
Nacho Pavón sinala ademais que no acto de conciliación de Anxo Brao, “Monbus pretendía ofrecerlle o dobre de diñeiro do que lle correspondería, recoñecendo a improcedencia do despedimento, o que é o mesmo que recoñecer que os motivos do despido son falsos e que a súa única pretensión era librarse del e, implicitamente, que todo é unha represalia sindical”.
Porén, o representante da CIG asegura que “todo o que non sexa a readmisión dos despedidos, provocará que o conflito continúe escalando, porque toda esta situación é directamente unha decisión empresarial”.