A CIG con Lula e a democracia plena no Brasil

Demanda unhas eleccións realmente libres
Internacional - 05 Abr 2018

Coñecida onte a decisión maioritaria do Supremo Tribunal Federal do Brasil, que deixa o ex presidente Lula da Silva (PT) ás portas da entrada en prisión, desde a Confederación Intersindical Galega queremos expresar toda a nosa solidariedade co ex mandatario brasileiro, así como co Partido dos Trabalhadores do Brasil e co conxunto de forzas políticas e sociais que apoian a Lula da Silva, ao tempo que avogamos por que as vindeiras eleccións previstas no Brasil se poidan realizar sen exclusións e sexan uns comicios verdadeiramente libres e democráticos.

Esta inxusta situación, que busca a morte política de Lula da Silva e impedir de facto que se volva converter no próximo presidente electo do Brasil, vénse sumar a toda unha serie de acontementos antidemocráticos, que levaron mesmo á ilexítima destitución da presidenta Dilma Rousseff en agosto de 2016. Unha destitución, e posterior substitución por Michel Temer (PDMB), considerada pola esquerda política, sindical e social brasileira como un “golpe de Estado”, para afastar a Dilma e o PT da presidencia do Brasil.

E todo isto, nun contexto en que as forzas reaccionarias e neoliberais do continente, en conivencia cos intereses do imperialismo, están a tentar por todas as vías acabar coas experiencias de gobernos populares en América Latina. Gobernos -como o de Lula e o PT no Brasil- que, con erros e acertos, souberon levar adiante políticas a prol dos intereses da clase traballadora e dos sectores sociais máis desfavorecidos das súas sociedades e en favor dunha maior integración dos pobos e nacións latinoamericanas.

Por iso, desde a CIG non deixaremos de denunciar feitos como o que está a acontecer no Brasil coa posíbel entrada na cadea de Lula da Silva, que enmascaran unha volta a réximes neoliberais e antipopulares, que tanta miseria e sufrimento causaron nas clases populares de América Latina e o Caribe. Unha regresión que queda constada coa ameaza que vén de facer o exército de recorrer á forza se a Corte habilita a Lula.

Por iso, non imos deixar de demandar a restauración democrática para o Brasil, que pasa pola liberdade do ex presidente Lula da Silva e pola realización en outubro deste 2018 dunhas eleccións xerais sen ningún sombra de dúbida acerca do seu carácter realmente democrático e libre.