A CIG clama contra a represión sindical en Poliésteres Bidasoa de Caldas tras o despido de tres afiliados/as

Hoxe iniciou unha campaña de mobilizacións contra as rescisións de contrato, que recorrerá tamén xudicialmente
Caldas de Reis - 18 Out 2023

A CIG iniciou hoxe unha serie de mobilizacións para rexeitar a represión sindical en Poliésteres Bidasoa, despois de que a empresa con sede en Caldas de Reis optase por despedir a tres traballadoras/es afiliadas/os da central tras unha campaña interna de acoso.

Segundo explican dende a CIG-Industria de Pontevedra, esta campaña represiva comezou no mes de marzo, nada máis promoverse eleccións sindicais na compañía. “Á dirección non lle gustou nada que presentásemos candidatura e puxo en marcha unha serie de medidas como partir a xornada (até entón era continuada de 7:00 a 15:00 horas), modificar categorías laborais e rotar o persoal por distintos postos de traballo. 

A campaña represiva comezou no mes de marzo, nada máis promoverse eleccións sindicais na compañía

Outra das decisións tivo que ver co ERTE que a empresa tiña presentado dende novembro de 2021, optando por poñelo en marcha durante a campaña previa ás eleccións sindicais -nas que a CIG obtivo os tres representantes que se escollían- para suspenderlle o contrato a un grupo de traballadores/as.

“Curiosamente os que máis tempo de desemprego consumiron foron as tres persoas que figuraban na nosa candidatura, e que logo obtiveron a acta de delegado/a”. A empresa coñecía os nomes dos candidatos/as da CIG porque a propia central llos facilitara cando promoveu as eleccións en previsión de que a dirección puidese optar por levar a cabo despidos represivos.

Ademais, un dos delegados/as da central foi o único traballador afectado polo ERTE nos últimos 15 días, tempo no que a empresa seguiu facendo contratacións.

Baixas laborais

Esta campaña de “acoso e derribo” interno fixo que unha das afiliadas da CIG tivese que coller unha baixa laboral por depresión e ansiedade derivada das presións e coaccións por parte da empresa. Agora, nada máis reincorporarse ao seu posto, vén de ser despedida por causas obxectivos xunto a outros/as dúas compañeiras/os, que tamén son afiliadas/os da central.

Mentres que outra das delegadas sindicais da CIG sufriu “acoso e abuso de poder” por parte da dirección e tamén está de baixa por ansiedade e depresión derivada da situación laboral.

En consecuencia, A CIG-Industria optou por iniciar unha campaña de mobilizacións para rexeitar os despidos e denunciar a política represiva de Poliésteres Bidasoa, ao tempo que presentará recurso xudicial contra as rescisións de contrato.