A CIG clama contra a precariedade e por unha nova lexislación laboral

Iniciou unha campaña de denuncia e de mobilizacións que arrincou cunha asemblea nacional de delegados/as
Nacional - 08 Feb 2024

Co inicio do mes de febreiro, a CIG arrincou a campaña “Stop Precariedade! Traballo digno” cunha multitudinaria asemblea e unha manifestación en Compostela na que máis de 2.000 delegados e delegadas reclamaron unha nova lexislación para dignificar as condicións laborais da clase traballadora galega. A precariedade chegou a tal punto que hoxe ter un traballo non garante os ingresos necesarios para poder vivir dignamente.

No decurso da asemblea, o secretario xeral, Paulo Carril, responsabilizou desta situación o “goberno español autodenominado máis progresista da historia” por ter aprobado a última reforma laboral sen derrogar as anteriores, propiciando a instauración da “pobreza laboral, a continuidade das desigualdades de xénero e a extensión dos baixos salarios”, poñendo ao dispor da patronal “máis medios para empeorar as nosas condicións laborais e salariais”.

Unha reforma laboral que, explicou, multiplicou a precariedade; xeneralizou a contratación a tempo parcial e a fixa-descontinua, que pasa a substituír os contratos temporais e permite o abuso e uso fraudulento dos períodos de proba, de xeito que os contratos se rescinden por non superar ese período, sen ningún tipo de indemnización. A isto engadiu o fomento dos ERTE permanentes en todos os sectores; o reforzo das ETT e das axencias privadas de colocación para levar adiante toda esta reforma, en prexuízo dos servizos públicos de emprego.

Na asemblea, ademais da secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, que denunciou como a xeneralización da precariedade empobreceu especialmente as mulleres mesmo agrandando a fenda salarial de xénero, e do secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, que chamou a “parar mediante a negociación colectiva, a mobilización e a folga o empobrecemento e a perda de dereitos”, interviñeron as secretarias e secretarios nacionais, que detallaron a situación de precariedade en cada sector e as principais loitas e mobilizacións que estamos enfrontando.

Deseño planificado para aumentar beneficios empeorando as condicións laborais

Para Carril esta situación é resultado “dun deseño planificado polo capital, no que os gobernos están entregados á aprobación de permanentes reformas laborais, empeorando as condicións laborais, xerando máis inestabilidade e inseguridade laboral, causando máis recortes nos dereitos sociais que se ven substituídos por programas de beneficencia social”.

Deseño no que “as empresas transfiren ao sector público os custos sociais de toda esta realidade de precariedade xeneralizada e de baixos salarios que cada ano caen máis no PIB”, dixo, e que se confirma ao coñecerse o dato de que “o 1% da poboación máis rica concentra 3 veces máis riqueza que o 50% máis pobre, mentres máis do 52% das familias están na pobreza teñen emprego”, denunciou.

Por iso denunciou o papel do diálogo social e de CCOO e UGT por apoiar este modelo neoliberal. Como exemplo puxo o V Acordo Estatal de Negociación Colectiva que considerou exemplo de “entreguismo á patronal” e que se comprometeu, desde a CIG a “rachar” para “garantir o dereito a negociar e decidir democraticamente e de forma directa en Galiza os nosos convenios colectivos”.

Por un plan galego de recuperación económica

A manifestación rematou diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, porque o secretario xeral da CIG acusou tamén o Goberno de Rueda, como o anterior de Feixóo, de compartir estas políticas e “aquelas que reforcen a dependencia económica e política de Galiza ao sistema español, negando un desenvolvemento galego propio para frear o aumento do empobrecemento das clases populares, a privatización dos servizos públicos, o imparábel avellentamento da poboación, a desertización social e industrial de moitas comarcas e a continua emigración por falta de emprego”.

Reclamou un plan galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e servizos públicos “para facer fronte, con xustiza social, aos efectos do cambio no tecido produtivo e no mundo do traballo”. Cambios entre os que apuntou “a descarbonización da economía, o forte impacto da implantación das novas tecnoloxías e a intensificación do proceso de valorización do capital mentres se desvaloriza o traballo”, mentres vai a máis “o risco da exclusión social e dun elevado e estrutural desemprego”.

Organización e loita

Para combater a precariedade en todas as súas formas e seguir acumulando forzas, Paulo Carril lembrou aos delegados e delegadas asistentes que “a nosa acción sindical, individual e colectiva, debe ser atrevida e decidida en todos os ámbitos, coherente coa alternativa teórica e co discurso que temos pero sempre acompañada dunha práctica sindical real. Non podemos quedar na aparencia de ser ou de facer, de aparentes discursos radicais porque é contraproducente e nos fai vulnerábeis”.

Así manifestou que “o recoñecemento e credibilidade da CIG exixe preocupación por sermos referentes, mellorando o coñecemento do que sucede nos centros de traballo, atinando na formulación das alternativas concretas, poñéndonos á fronte das loitas e encabezando a conflitividade social e laboral”.

E concluíu chamando a “reforzar os nosos sinais de identidade, o asemblearismo, a participación, a combatividade e a creación de organización para avanzar nas conquistas de dereitos e na transformación da realidade”.