A CIG chama a patronal provincial a darlle solución urxente ás condicións do persoal das auxiliares

Demanda avanzar un acordo na mesa do naval e incoporalo ao convenio do metal da Coruña para darlle eficacia
Ferrol - 20 Xul 2018

A CIG chama a patronal provincial do metal a acadar de xeito inmediato solucións para regular as condicións salariais e laborais dos traballadores e traballadoras da industria auxiliar de Navantia, recuperando os acordos de 2001 actualizados e incorporándoos ao texto do convenio do metal da Coruña, para garantir así a súa eficacia normativa.

A CIG fai este chamado tras a reunión que as organizacións sindicais tiveron a pasada semana coa patronal provincial do metal na sede do Consello Galego de Relacións Laborais. Nesta reunión, denuncia Ramón Fernández Alfonso, da CIG-Industria, constatouse unha vez máis a negativa da patronal a integrar no texto do convenio o acordo para a industria auxiliar ao que se poida chegar na mesa do naval de Ferrol.

"Os argumentos empregados pola patronal son puramente xustificativos dunha postura de prepotencia, propia de quen impón un veto polo simple feito de que pode facelo e que ademais, déixaos en evidencia", censurou Fernández. O sindicalista acusa as empresa do ramo de "querer voar sempre por debaixo do radar" e non estar dispostas a dar un paso de enorme transcendencia, xa que suporía regular as condicións do colectivo máis numeroso de traballadores/as dentro do convenio provincial.

Transcendencia social para a comarca

CIG-Industria pon o acento no feito de que a negativa da patronal evidencia o problema que supuxo asinar o convenio sen darlle solución definitiva aos asuntos con máis transcendencia social, como é o caso da regulación de salarios nas auxiliares de Navantia. "Esta é unha cuestión que afecta  a toda a comarca de Ferrol. Estamos falando dun colectivo de 2.000 traballadores/as que poderían ser de 4.000 se os estaleiros estiveran a plena ocupación", subliña Ramón Fernández.

Neste senso, aclara que a CIG non busca abrir unha nova unidade de negociación colectiva. "Estes/as traballadores/as son do metal e o ámbito natural onde se deben regular as súas relacións laborais é o convenio provincial". Por iso, engade, "incluír unha cláusula salarial que especifique que o persoal destinado aos estaleiros debe percibir un plus determinado non desnaturalizaría o convenio sectorial, senón que, pola contra, resolvería de vez a actual problemática. E evitaría ademais que, pola eventualidade que caracteriza ao sector, os obreiros e obreiras tiveran que estar negociando o seu soldo cada vez que entrar nunha nova empresa".

Recuperar os acordos de 2001

Así as cousas, dende a CIG-Industria lembran que aínda fica pendente a cuestión principal deste proceso: recuperar os acordos de 2001 que moitas empresas deixaron de aplicar unilateralmente. Para a central nacionalista pechar este acordo na mesa do naval de Ferrol debe ser a prioridade, de cara a comprometer tamén a empresa principal na súa efectivización.

A respecto do acordo para as auxiliares, o presidente do comité de Navantia Ferrol advertiu en rolda de prensa que podería haber mobilizacións nos estaleiros se non hai solucións inmediatas. Cuestión á que, sinala a CIG-Industria, xa quedara comprometido hai 9 meses.

Reunión para o 18 de setembro

En canto á xuntanza coa patronal da pasada semana, esta rematou coa proposta da presidenta do Consello Galego de presentar "solucións técnicas", nunha nova reunión fixada para o 18 de setembro. Unha data que a central sindical considera que supón un atraso excesivo.

Para a CIG esas 'solucións técnicas' deben consistir "na incorporación do (futuro) acordo da mesa do naval de Ferrol ao corpo do convenio provincial, xa sexa no seu articulado, como unha disposición adicional, ou como un anexo, mais dentro do convenio, na medida en que será a única disposición normativa que ofreza garantía 100% de que vai ser incorporada por Navantia aos pregos de condicións dos seus contratos sen discusión. Cousa que non podemos asegurar, a priori, doutro tipo de acordo".