A CIG chama á mobilización por terra e por mar contra Altri e a mina de Touro-O Pino
Terá lugar o vindeiro día 14 de xuño, ás 12:00 horas, na Illa de Arousa
A CIG chama á participación masiva na mobilización convocada polas plataformas Ulloa Viva, contra a mina de Touro e en Defensa da Ría de Arousa para o vindeiro día 14 de xuño. A marcha de terra arrincará da praia do Vao, na Illa de Arousa, ás 12:00h, baixo o lema ‘Pola defensa do Ulla e da Ría de Arousa. Re-matemos Altri e a mina de Touro-O Pino’ .
Esta manifestación forma parte da campaña comezada no mes de marzo, coa recollida de sinaturas, para exixirlle a Rueda o peche definitivo de Altri e a Mina de Touro e demandarlle ao Goberno galego que proceda á denegación definitiva e posterior arquivo de ambos proxectos.
Até hai unhas semanas, a Xunta mantiña que Altri “estaba morto”, pero malia estas afirmacións e a piques de rematar o prazo, a empresa presentou alegacións a favor do proxecto. Na nota de prensa, a compañía di que nesas alegacións achegan unha solución ao problema do subministro eléctrico, que é a mesma que xa figuraba cando presentaron o proxecto en marzo de 2024. Altri minte dende o primeiro día e segue a mentir agora, como cando dixo en 2023 que non se implanta en territorios nos que a xente non os quere.
Mina de Touro-O Pino
A mina de Touro-O Pino, tanto o primeiro proxecto como o segundo supoñen un impacto ambiental negativo e son esencialmente iguais. A recente sentenza do TSXG anula a declaración da Xunta sobre o primeiro proxecto en xaneiro de 2020 só porque se fixeron mal os trámites. Reclamamos que se manteña a declaración de impacto ambiental negativa neste proxecto, así como o que Cobre San Rafael presentou en 2024, coa fraude de que é o mesmo proxecto, pero cunha nova lei que nos deixa máis indefensos que no proxecto de 2017, xa que a actual tramitación limita moito máis o dereito de defensa.
Os anuncios feitos pola conselleira no Parlamento sobre novos dereitos mineiros teñen unha realidade tráxica co proxecto da mina de Touro-O Pino. Digan o que digan dende a Xunta ou dende calquera ámbito xudicial, a actividade mineira de Cobre San Rafael implica un risco moi elevado para a veciñanza dos concellos afectados e representa un novo intento de espoliar os nosos recursos. Queren impoñernos unha herdanza envelenada, profundar o papel colonial e subministrador de recursos a outros territorios mentres en Galiza avanza a desertización económica e social, mentres sectores produtivos que xeran riqueza e asentamento de poboación no territorio se ven arrasados.
Crítica situación da Ría de Arousa
Todo isto cando é moi crítica a situación que atravesa a Ría de Arousa, cun deterioro constante das súas condicións sen que a Xunta asuma a súa responsabilidade. Mais ben ao contrario, o que fai a Xunta é promover estes proxectos e outros como a planta de betume de Vilagarcía ou o punto de vertido dos dragados do Lérez na boca de Sálvora. Proxectos que son unha ameaza para a ría e que van en contra de milleiros de familias que viven honestamente dela.
Altri e a mina de Touro-O Pino representan un conflito ambiental, territorial e social que sigue máis vivo que nunca, é un conflito no que nos xogamos o dereito a vivir e a traballar na nosa terra, porque nos impoñen un proxecto depredador.
Por todo isto, desde a CIG se fai un novo chamamento á mobilización en defensa da ría e para rexeitar todos os proxectos que a poñen en perigo.
Autobuses fletados pola CIG
Pontevedra: saída ás 10:30 horas desde o Pavillón dos Deportes. Inscrición no 986 847 610.
Lugo: saída ás 8:45 horas desde o edificio sindical. Inscrición nos teléfonos 982 225 812 e 616 950 778 (WhatsApp).
Ferrol: saída ás 9:00 horas desde o local da CIG en Esteiro, con paradas en Caranza, Fene e Vilar do Colo. Inscrición no 981 358 750 ou en ferrol@galizacig.gal .
Santiago de Compostela: saída ás 10:15 horas desde o campo Vero Boquete. Inscrición no 627 912 542 (ata o 10 de xuño).
A Coruña: saída ás 9:00 horas desde o Campo da Leña, con paradas en San Pedro de Mezonzo e no edificio sindical (SEAT). Inscrición no 981 169 293.
Val Miñor-Vigo-Redondela: saída ás 9:45 horas da Ramallosa, ás 10:15 horas do local da CIG en Vigo e ás 10:30 horas de Redondela-Chapela. Inscrición no 986 827 900 (ata o venres 12).
Ourense: saída ás 9:30 horas desde o Pavillón dos Remedios, con parada ás 9:50 horas na rotonda de Viña Costeira. Inscrición nos teléfonos 988 782 726 e 674 227 824.