A CIG, CGT e UGT marcharán en Vigo contra a vaga de despidos no grupo Eroski

A manifestación terá lugar este venres 28 na Travesía ás 11.00
Vigo - 27 Abr 2017

As centrais CIG, CGT e UGT continuarán este venres 28 coas mobilizacións para rexeitar a vaga de despedimentos que o grupo Eroski está a levar a cabo en distintos establecementos de Vigo. Nesta ocasión, tras as concentracións celebradas con anterioridade, a protesta consistirá nunha manifestación polas rúas da cidade que arrincará da Travesía de Vigo, 154, ás 11.00 horas.

Dende os sindicatos convocantes explican que con esta mobilización pretenden rexeitar a vaga de despedimentos que a dirección do grupo de alimentación está a executar en supermercados de Vigo dende hai meses e para denunciar a represión laboral que se vive na empresa.

Con esta protesta danlle continuidade ao calendario de mobilizacións iniciado tempo atrás para reclamar a readmisión dos traballadores/as despedidos/as. A marcha deste venres arrincará do Eroski siatuado no número 154 da Travesía de Vigo e rematará na oficina central da compañía vasca de distribución, que se atopa na zona do Troncal, a carón do centro comercial Carrefour da Travesía.