A CIG celebrará este venres un encontro para fixar os eixos en materia de Negociación Colectiva en 2016

Debaterá as alternativas a defender en materia de salarios, contratación, xornada laboral, ultraactividade e conciliación, entre outros
Compostela - 04 Feb 2016
A CIG avaliará, este venres día 5 de febreiro, a situación actual da negociación colectiva e as alternativas da central sindical na materia para 2016. Neste encontro nacional participarán as e os membros da Executiva Confederal, Secretarios e Secretarias Nacionais de todas as federacións, das unións comarcais e responsábeis de negociación colectiva de todas as estruturas.

No decurso desta xornada de traballo, ademais de analizar a situación actual da negociación colectiva, as nefastas consecuencias -que xa se veñen percibindo- das reformas imposta polo PP e o que supón o III Acordo Confederal para o Emprego e a Negociación Colectiva, asinado por CCOO, UGT e a patronal, a CIG debaterá sobre as alternativas a defender, con carácter xeral, en materia de salarios, contratación, xornada laboral, ultraactividade e conciliación, entre outras.