A CIG celebra o seu VII Congreso os días 27 e 28 de maio en Compostela

Máis de 700 delegados/as participarán no encontro, cuxo lema é “Coa CIG somos máis fortes”

Nacional -

A Confederación Intersindical Galega celebra a vindeira fin de semana, 27 e 28 de maio, o seu VII Congreso, no Pazo de Congresos de Santiago, baixo o lema “Coa CIG somos máis fortes”. Un Congreso que foi presentado esta mañá en rolda de prensa e no que está prevista a participación dun total de 706 delegados e delegadas que elixirán á nova Executiva Confederal e acordarán as liñas de traballo que rexerán a acción sindical no vindeiro período.

O secretario xeral, Suso Seixo, anunciou ademais que está pactada unha candidatura unitaria para a Executiva Confederal, encabezada por Paulo Carril, ademais de todos os cargos. En todo caso matizou que o Regulamento precongresual contempla a posibilidade de que se presenten candidaturas até 48 horas antes de comezar o Congreso. “Pensamos que non se van presentar pero, en calquera caso, hai que agardar aos prazos que fixa a normativa que temos establecida para ver se finalmente hai máis candidaturas que unha”, explicou.

Loita de clases

Seixo -que compareceu acompañado pola secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, e o secretario confederal de Comunicación e Propaganda, Francisco Miranda Vigo- sinalou que co lema escollido para este Congreso, “Coa CIG somos máis fortes”, preténdese pór en valor a importancia da organización sindical, fronte á idea que transmite o neoliberalismo de que non hai clases sociais; que a loita de clases está superada e que, polo tanto, “as organizacións sindicais tradicionais non temos moita razón de existir porque todos somos cidadanía, promovendo así o individualismo e a insolidariedade”.

Lonxe diso denunciou que realmente asistimos a un período no que se “está agudizando a loita de clases” e que, polo tanto, é fundamental que as traballadoras e traballadores estean organizados e “teñan capacidade para defenderse de forma colectiva”.

Explicou que para a CIG o actual modelo de sociedade camiña cara un recorte importante de dereitos; unha distribución moi desigual da riqueza; un incremento das diferenzas sociais e unha cada vez maior acumulación da riqueza, do poder político e económico, en poucas mans. “Un tipo de sociedade cada vez máis antidemocrático, no que quen toma as decisións que realmente despois condicionan as nosas vidas en todos os ámbitos son as institucións políticas e financeiras que funcionan totalmente á marxe do control da cidadanía”. Por iso asegurou que os sindicatos seguen estando totalmente de actualidade, nomeadamente a CIG, entendendo que “tampouco serve calquera tipo de sindicalismo”.

Fronte o sindicalismo de pacto social

A este respecto, e facendo un percorrido polos aspectos esenciais que se recollen nos textos a debate no Congreso, valorou que nos últimos anos asistimos a unha integración no sistema dos que practican un sindicalismo de pacto social, un sindicalismo de colaboración que “leva a desmotivar, desmobilizar e despolitizar á  clase traballadora”. E denunciou, en concreto, que CCOO e UGT “mesmo en momentos tan difíciles como os que estamos a vivir seguen nesa política de colaboración, de compadreo e de entreguismo ao poder económico e político”.

Fronte a iso, apostou polo modelo sindical, “completamente distinto”, que representa a CIG, que entende que hai que debater, nos centros de traballo, sobre se este modelo de sociedade no que vivimos está realmente ao servizo da clase traballadora ou non, cando non garante dereitos fundamentais como o dereito a vivenda, a un posto de traballo, a unha pensión, a uns servizos públicos ou a un salario digno.

Subliñou ademais que é precisamente ese modelo o que levou á CIG a situarse como primeira central sindical de Galiza en afiliación, infraestrutura, capacidade mobilizadora e a unhas décimas de ser a primeira forza sindical en canto a  representación nos centros de traballo. “Conseguímolo sen ceder para nada nos nosos principios e na nosa acción sindical: de combate, de contrapoder e contraria ao pacto social”.

Do mesmo xeito considerou que coas circunstancias políticas que se dan hoxe no Parlamento español, cun PP sen maioría absoluta, daríanse as condicións para promover proxectos de lei que tiraran abaixo esas políticas regresivas que se impuxeron. Porén, lamentou, “non está presentando ningún proxecto nese camiño e entendemos que tiñamos, as organizacións sociais e nomeadamente as sindicais, que mobilizarnos e presionar ás forzas políticas, sobre todo ás da esquerda, para que empecen a presentar proxectos que vaian no camiño de recuperar dereitos perdidos”.

De feito lembrou que neste período a CIG valorou, diante desta situación, a necesidade de promover unha nova convocatoria de folga xeral, pero que, porén, por parte do sindicalismo estatal “non se fixo nada”.

Análise crítica da UE

Nos textos tamén se cuestiona o papel dunha Unión Europa que o secretario xeral da CIG cualificou como “cada vez máis antidemocrática e antisocial”. Unha UE ao servizo do capital financeiro que impuxo políticas que provocaron, nos estados periféricos de Europa en situación de profunda crise económica “unha grave perda de dereitos e moita pobreza, mesmo favorecendo claramente a especulación coa débeda pública en función dos intereses do capital”.

Unha UE da que denunciou o seu carácter “antihumanitario”, tal e como está a actuar cos refuxiados que están chegando a Europa e aos que se lles negan os seus dereitos humanos fundamentais.

Papel marxinal de Galiza

O secretario xeral da CIG denunciou ademais o papel cada vez máis marxinal que ocupa Galiza por mor das políticas emanadas desa UE e do estado español. “Unha Galiza máis dependente, onde hai unha destrución importante do noso tecido produtivo que está provocando que, de novo, moitos miles de galegos e galegas, sobre todo mozos e mozas, teñan que marchar a buscarse a vida”.

Seixo asegurou que todo isto estase a facer co consentimento e, en moitos casos, coa colaboración da Xunta de Galiza, que “non está a promover ningún proxecto alternativo para a sociedade galega que permita que realmente todos os galegos/as poidan gozar dun posto de traballo e dunha calidade de vida digna na nosa terra”.

Reforzo organizativo

No VII Congreso reitérase novamente a necesidade de mellorar nos métodos de  traballo e facer un sindicato cada vez máis próximo, máis presente nos centros de traballo. Unha máxima  que Seixo entende que debe guiar a actuación de todos os cargos da central sindical e dos liberados e liberadas. “Non se pode agardar a que todos os traballadores e traballadoras veñan polo sindicato, ten que ser o sindicato quen vaia aos centros de traballo, porque os problemas están aí e nós temos que ser unha arma operativa clara nas mans da clase traballadora para defenderse de tantas agresións”, concluíu.

Volver