A CIG, CCOO e UGT retoman as mobilizacións en demanda dun convenio digno para o transporte de mercadorías da Coruña

Nacho Pavón denuncia a insuficiente oferta salarial da patronal e reclama reducir a xornada e garantir a compensación do traballo nocturno e en domingos e festivos
Compostela - 09 Out 2026

CIG, CCOO e UGT concentráronse esta mañá na rotonda do Polígono do Tambre, en Compostela, para reclamar un convenio colectivo digno para o persoal do transporte de mercadorías da provincia da Coruña. A mobilización forma parte do calendario de protestas acordado polas tres centrais sindicais tras a ruptura da mesa de negociación o pasado mes de xuño e ante a falta de avances por parte da patronal.

Nacho Pavón, representante da FGAMT-CIG, denuncia que as propostas empresariais son insuficientes e non dan resposta á perda de poder adquisitivo que acumula o persoal do sector. A patronal ofrece unha suba salarial que apenas chega ao 3 %, pero só desde o día 1 de xullo, sen efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro nin xeración de atrasos, fronte á demanda sindical de garantir o mantemento da capacidade adquisitiva e incorporar unha cláusula de revisión salarial vinculada ao IPC.

Lembra, ademais, que o persoal arrastra importantes perdas salariais dos últimos anos, malia o acordo económico satisfactorio acadado en 2025. “Non é que a proposta patronal nos pareza totalmente insuficiente, senón que considera que propor un 3% de suba desde o 1 de xullo é unha burla ao sector, porque na práctica é o mesmo que ofrecer un 1,5% de suba anual. Queremos tamén que se garanta o salario para cubrir posibles subas excesivas do IPC”.

A redución da xornada e a regulación das condicións de traballo constitúen outras das reivindicacións fundamentais. Segundo denuncia o representante da FGAMT-CIG, o convenio mantén unha xornada anual excesiva e non recoñece adecuadamente determinados tempos nos que as persoas traballadoras deben permanecer á disposición da empresa.

A vida no vehículo

Neste sentido, reclama que se avance nunha regulación que permita reducir a xornada e compensar os tempos de presenza. “A xente ten que botar a vida no vehículo”, advirte, polas longas xornadas que caracterizan o transporte de mercadorías.

Outra das cuestións que reclaman corrixir é a falta de compensación efectiva polo traballo en domingos e polas noites. Neste sentido, Pavón denuncia que, malia figurar no convenio o complemento de nocturnidade, na práctica non o percibe ninguén, e reclama que se establezan tamén compensacións específicas polo traballo en domingos e festivos. “Tanto ten que traballes un día pola semana como un festivo, un domingo ou pola noite, e iso non é de recibo”, subliña.

Desde a representación sindical tamén se advirte das consecuencias que ten a precariedade das condicións laborais nun sector esencial para a economía. As dificultades para facer atractivo o transporte de mercadorías están relacionadas coas xornadas prolongadas, os salarios e a falta de recoñecemento de parte do traballo realizado.

As centrais sindicais reclaman, por iso, que a patronal regrese á mesa de negociación con propostas serias e vontade real de chegar a un acordo que permita actualizar un convenio que consideran desfasado e avanzar nos dereitos laborais.

Novas mobilizacións

A concentración celebrada hoxe en Santiago é a primeira do novo calendario de mobilizacións. As seguintes terán lugar o 15 de outubro, ás 11:00 horas, no polígono da Agrela, na Coruña, e o 22 de outubro, tamén ás 11:00 horas, no polígono de Río do Pozo, en Narón, diante das instalacións de TAT.

As organizacións sindicais advirte de que, se non se producen avances, está prevista a convocatoria de asembleas de persoal en todas as comarcas para decidir novas medidas de presión con paros e a convocatoria dunha folga no sector.

O obxectivo é conseguir un convenio provincial que garanta salarios dignos, permita recuperar poder adquisitivo, reduza a xornada e recoñeza economicamente as condicións específicas nas que se desenvolve o traballo no transporte de mercadorías.