A CIG aumenta a súa maioría absoluta no comité de empresa de Treves en Pontevedra

A central obtivo 7 dos 8 representantes que se escollían nas eleccións sindicais
Pontevedra - 30 Out 2026

A FGAMT-CIG logrou aumentar a súa maioría absoluta no comité de empresa de Treves, compañía do sector da automoción con sede en Pontevedra, ao lograr 7 dos 8 representantes que se escollían nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar.

A central sindical sumou un total de 81 votos e 7 delegados/as -un máis que no anterior proceso-, fronte aos 15 apoios da UGT, que obtivo 1 único representante. Nas eleccións participaron 99 persoas das 106 con dereito a voto, contabilizándose tamén 2 papeletas en branco e 1 nula.

Dende a CIG agradecen o masivo apoio amosado polas persoas traballadoras de Treves, até punto de que a central sindical rexistrou os seus mellores resultados na historia da fábrica e renovan o seu compromiso coa defensa dos dereitos e das condicións de traballo do conxunto do cadro de persoal da empresa de automoción.

Con este obxectivo, na próxima negociación do convenio colectivo, prevista para o ano que vén, intentarán incorporar unha serie de melloras como un plan industrial que garanta carga de traballo, subas salariais con revisión a IPC, aumento dos quinquenios do 3% ao 4%, incremento da contía do fondo social e melloras nas coberturas, un plan de prexubilación voluntario, medidas contra o estrés térmico, avanzar na igualdade de xénero e de oportunidades e crear un novo regulamento de ascensos dentro da planta.