A CIG non asinará hoxe o acordo sobre emprego público na Mesa Xeral das Administracións Públicas

Considera inadmisíbel que se presente publicamente, en foto con Montoro, antes de pasar pola Mesa de negociación

Nacional -

A CIG-Área Pública está convocada á xuntanza da Mesa Xeral das Administracións Públicas, que se celebrará este mércores a partir das 16:30 horas para debater a proposta de acordo “para a mellora do emprego público”. Alén de discrepar do seu contido considera inadmisíbel que se escenifique a súa sinatura cunha foto con Montoro que está prevista ás 13:00 horas, case catro hora antes de que se reúna a Mesa.

A portavoz da Área Pública da CIG, Maricarme López Santamariña explica que as propostas que se debateron nos grupos de traballo da Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas , Ministerio de Facenda e Función Pública eran relativas a distintas materias a incluír no Anteproxecto de Lei de Orzamentos do Estado que aprobará o Consello de Ministros a finais deste mes de marzo e que teñen que ver co Emprego Público, o Incremento Retributivo e a posible Recuperación de Dereitos laborais.

Fronte a estas, a CIG-Área Pública considera que o punto de partida tiña que ser “derrogar moitos dos Reais Decretos-Lei que se nos veñen impoñendo ao persoal das administracións públicas  desde o ano 2010”.

Entre outros, López Santamariña sinala o RD-Lei 8/2010, polo que se adoptan medidas extraordinarias para a redución do déficit público; o RD-Lei 20/2011, de medidas urxentes en materia orzamentaria e tributaria  para a corrección do déficit público; o RD-Lei 20/2012, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade  e todos aqueles que “foron impostos polo goberno español relativos a reformas laborais, reforma da negociación colectiva ou modificacións das pensións”.

Parello a isto, a CIG-Área Pública entende que habería que proceder á restitución de todos os dereitos laborais e salariais (horarios, pagas extras, salarios, 100%  do salario en situación de IT, fondo social...) que lle foron arrebatados ao persoal empregado público desde o ano 2010. 

Entende que non se poden separar emprego público e redución do emprego temporal do contido que terá o proxecto de Lei de Presupostos Xerais do Estado para o ano 2017 en canto a condicións laborais, económicas  e demais do persoal das Administracións Públicas porque “ambas cousas van unidas”.

Contidos da Mesa Xeral 

Anúnciase, en materia de Emprego Público, unha mellora nas condicións da Oferta de Emprego, pola vía de ampliar os sectores prioritarios que terán unha reposición de efectivos do 100% e a inclusión dun plan de estabilización de emprego, que permita a redución das altísimas taxas de temporalidade existentes na actualidade.

Malia considerar estas medidas necesarias e un avance, “non solucionan”, segundo a CIG-Área Pública, o problema de falta de persoal, nin deteñen a dinámica de destrución de emprego público imposto como consecuencia dos plans de redución de gasto. “En todo caso estase a falar de postos de traballo que xa están ocupados na actualidade, nuns casos por persoal temporal ou interino, que se incluirán no plan de estabilización e noutros casos de postos ocupados por persoal fixo que, naqueles sectores considerados prioritarios, substituirase por persoal de novo ingreso nos supostos de xubilación”, matiza.

Taxas de reposición

Denuncia ademais que se manteñen as limitacións normativas impostas ás administracións públicas que, ao impedir o incremento da masa salarial e limitar a incorporación de efectivos terán unha vez máis unha directa repercusión sobre a xestión dos recursos humanos. “Esa taxa xeral de reposición do 50% para o resto dos sectores que non se consideran prioritarios , e ese 100% para os esenciais xa determina que a situación vai a ser de diminución de efectivos nas administracións públicas”, asegura.

Por iso considera que “non se debe de impoñer taxa de reposición”, máxime cando durante estes últimos anos se produciron taxas reducidas con consecuencias nefastas para os cadros de persoal e para a calidade dos servizos públicos.

Transferencia de todo o relativo a emprego público

A CIG-Área Pública solicita ademais a transferencia ás CCAA de todo o relativo á materia de emprego público dentro do seu ámbito. “Debe de corresponderlle ás CCAA a planificación e ordenación das súas ofertas de emprego público e os procesos de estabilización de emprego deben de ser negociados nos seus respectivos ámbitos , ( saúde, ensino, xutiza, concellos, ....)  incluíndo o sistema de acceso”.

Perda de poder adquisitivo

En materia retributiva, proponse un incremento do 1% do conxunto das retribucións, o que suporá abondar na rebaixa salarial e a perda de poder adquisitivo iniciada no ano 2010. “Nin que dicir ten que esta medida é inaceptable nun contexto de incremento de prezos e Produto Interior Bruto por enriba do 3%”.

Recuperación de dereitos

Non se contempla a recuperación de dereitos. “Nin os que teñen que ver cos descontos por Incapacidade Temporal, nin os recortes nos fondos de Acción Social, nin a actualización dos importes das pagas extraordinarias, nin a reposición dos efectivos perdidos durante os anos de ausencia de oferta de emprego”.

Outro compromiso anunciado será o de abrir procesos de negociación para tratar materias relativas a Igualdade e Violencia de Xénero, Mutualismo Administrativo, Implantación da Administración Dixital e Formación. “Para tratar todas estas materias xa temos mesas de negociación que, durante a anterior lexislatura, estiveron en parálise permanente xa que, a pesares das demandas sindicais, o Goberno español negouse a negociar calquera medida”, lembra López Santamariña.

Por iso, tras analizar o conxunto das propostas, a CIG-Área Pública considera que non se reverte a dinámica dos últimos anos. Tampouco se tiveron en conta ningunha das propostas remitidas desde a central sindical relativas á recuperación de emprego público ou á recuperación de dereitos laborais e sociais para o persoal ao servizo das Administracións Públicas. Por iso, conclúen, “non podemos dar a nosa aprobación a estas medidas”.

Volver