A CIG aposta por manter a mobilización social para combater a precariedade, a pobreza e a emigración
A central realizou asembleas e protestas en todas as comarcas para esixir a derrogación das reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva
A CIG mobilizouse este martes en todas comarcas para demandar un calendario inmediato de actuacións que permita recuperar os dereitos perdidos nos últimos anos baixo o pretexto da crise. A central sindical advirte que, fronte ao discurso da presunta recuperación económica e os 'postureos' dos gobernos español e galego, atopámonos diante dunha situación de emerxencia nacional e social que require seguirmos na mobilización como único camiño para combater a precariedade, a pobreza e a emigración.
Freo na recuperación do emprego, postos de traballo con baixos salarios e de escasa duración, incremento dos contratos a tempo parcial, cadeas interminábeis de subcontratación, perda de poboación activa a causa da emigración e o avellentamento da poboación, caída do poder adquisitivo en máis dun 15%; en definitiva, aumento da pobreza laboral, da precariedade e da explotación. Esta é a radiografía de Galiza contra á que o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, emprazou a seguírmonos mobilizando nas rúas e nos centros de traballo "para reivindicar a necesidade de recuperar os nosos dereitos e que as galegas e os galegos teñamos emprego, salarios e pensións dignas".
Calendario de actuacións
O secretario xeral da CIG fixo este chamamento con motivo da xornada de asembleas de delegadas/os e mobilizacións que a central sindical desenvolveu este martes nas sete cidades no marco da campaña pola recuperación dos dereitos. Carril acusou o goberno español e o goberno galego de ter nula vontade para reverter as duras políticas neoliberais que nos teñen conducido a unha situación de empobrecemento xeneralizado. "Os meses pasan, a propaganda duns gobernos e outros vai en aumento pero na realidade hai un drama social que, como CIG, queremos denunciar e ofrecer unha alternativa".
A este respecto, instou o goberno de Pedro Sánchez e ás forzas políticas que o sustentan, a pór en marcha de maneira urxente un calendario de actuacións para a derrogación das reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva "que tanto dano causan". "Estamos fartos e fartas de propaganda, de xustificacións de intereses doutro tipo e de escusas. É hora de actuar", aseverou.
"Feijoo ten na cabeza un país imaxinario"
Sobre isto, o secretario xeral da CIG referiuse á intervención do Presidente da Xunta de Galiza no Parlamento ao que acusou de ter na súa cabeza "un país imaxinario, que non coincide coa realidade". "Fronte aos datos que manexa Feijoo, a realidade é que Galiza sofre unha perda de poboación activa de 69.000 persoas, 153.000 mozos e mozas teñen abandonado o noso país para marchar á emigración (hipotecando o noso futuro como sociedade), fréase a creación do emprego -e o que se xera é de baixa calidade-, temos as segundas pensións máis baixas do estado, perdemos servizos públicos, etc.". Unha realidade "brutal" contra a que de nada vale, "a transformación fraudulenta do PP na Xunta nun Goberno 'esixente' ante Madrid".
Por iso, insistiu en que "para que se produzan cambios reais temos que seguir apostando pola loita e a mobilización, tanto nas rúas como a través da negociación colectiva". Nesta liña, reiterou que as solucións non virán nin por concesión do poder económico e político, nin a través da chamada concertación social, que ten como último exemplo o asinamento do IV Acordo Marco de Negociación Colectiva por UGT, CCOO e patronal, co entusiasta apoio do novo Goberno do PSOE e do anterior, do PP.
Un sindicalismo pactista que favorece a translación das reformas laborais, afianza o empobrecemento e a explotación laboral e perpetúa unha situación social sen saída. "A CIG non vai caer nin na resignación, nin na inacción nin na pasividade; nós seguimos apostamos pola mobilización social como único camiño para avanzar na recuperación dos nosos dereitos", concluíu.