INFORME SALARIOS
O Informe de salarios está realizado cos datos que proporciona a Axencia Tributaria a través da estatística “Mercado de traballo e pensións nas fontes tributarias”, que se corresponden co ano fiscal 2021, pero dan o retrato máis fiel á realidade porque se obteñen a partir da “Declaración anual de retencións e ingresos a conta sobre rendementos do traballo, de determinadas actividades económicas, premios e determinadas imputacións de renda (modelo 190)”.
Esta estatística, que inclúe os salarios brutos, permite coñecer o ingreso medio por salario en Galiza, aínda que cómpre matizar que son datos aínda marcados pola pandemia (preto de 200.000 persoas en ERTE) e polo aumento do SMI. En todo caso, reflicte que:
1.- Durante o ano 2021 o Salario Medio no Estado español está en 28.301 euros ano mentres na Galiza foron de 26.214 euros brutos anuais.
Polo tanto, cando a CIG fala de que se cumpra o que recomenda a Carta Social Europea, do 60% do salario medio para fixar o SMI, este ano 2023 debera de ser de 1.212,90 euros, que é o 60% do salario medio, por iso no 2022 sobre un salario medio no Estado español 27.925 euros- 1.197 euros ( Galiza 25.884)
Na mediana de ingresos, é dicir, a cantidade de ingresos que divide a poboación en dúas partes iguais: o 50% ten ingreso inferiores a esa cantidade, e o restante 50%, superiores. No caso de Galiza, a mediana de ingresos situouse en 21.359 euros brutos anuais, moi por debaixo do SME, o que amosa as desigualdades existentes.
Para Galiza, aínda que o SME foi de 26.214 euros brutos anuais, a metade da poboación asalariada non acadaría os 21.359€ ao ano, unha fenda de 18,5 puntos porcentuais, situándose como a quinta comunidade con maiores diferenzas de ingresos.
Fenda de xénero
No que atinxe á fenda de xénero, esta é menor no caso dos salarios estimados que nos ingresos reais, o que amosa que unha parte importante da mesma se xustifica polas condicións laborais: xornadas parciais, temporalidade...
No caso de Galiza, para o SME, a fenda situase no 7,7% en 2021. Porén, se temos en conta os ingresos reais, sitúase no 18,5%. Isto significa que 10,8 puntos porcentuais débense ás precarias condición laborais das mulleres con respecto aos homes, que se traducen en maior temporalidade e maior participación no mercado de traballo a través de xornadas parciais, o que fai que os seus ingresos reais sexan moi inferiores ao que lles correspondería se traballaran o ano completo e a xornada completa.
2.- O 35,4% da poboación asalariada percibiu ingresos inferiores ao SMI cando no 2019 foran o 34,4% das asalariadas e asalariados, os que se situaran neste abano de ingresos. Así:
- Para un 17,7% das persoas asalariadas, os seus ingresos brutos anuais foron inferiores á metade do SMI, concretamente, foron inferiores a 2.924€, cando no ano 2019 eran o 17,8% do total. Neste colectivo é onde o SMA máis se incrementou, debido a que é onde o incremento do SMI ten unha incidencia máis clara. Isto confirma a nosa reclamación da urxencia de situar xa o SMI no 60% do salario medio que di a Carta Social Europea.
- As persoas con ingresos entre a metade e o SMI, foron o 17,7%. No ano 2019 situábanse neste abano de ingresos o 16,7% do total dos asalariados e asalariadas. Foi neste intervalo de ingresos onde medrou a poboación asalariada, concretamente un 4,9%.
- As desigualdades entre a clase traballadora son moi elevadas, de feito en torno ao 60% non acada os ingresos medios do ano; é dicir, tiveron uns ingresos inferiores a 20.786 euros anuais.
- A fenda entre o colectivo de menores ingresos e de maiores é moi elevada. Unha persoa do grupo máis elevado ten uns ingresos equivalente a 84 persoas do colectivo de menores ingresos.
Persiste a forte fenda de xénero xa habitual no noso mercado de traballo. No ano 2021 esta situouse no 18,6%, o que, en termos monetarios, equivale de 4.238 euros brutos anuais menos.
Con respecto a 2019, a diferenza reduciuse en 1,9 puntos porcentuais. En valores absolutos reduciuse en 289 euros.
O incremento do SMI, contribuíu a reducir dita fenda, xa que as mulleres son maioritarias nos tramos de menores ingresos, polo que a evolución do SMI incide directamente na súa situación económica. É, polo tanto necesario un maior incremento deste indicador, incremento acorde ás necesidades da clase traballadora.
No que atinxe á idade, as diferenzas tamén son importantes
A diferenza entre os ingresos dunha persoas de entre 56 e 65 anos e unha de menos de 18 é de 1 a 13; é dicir ingresa o mesmo, de media, unha persoas con idade comprendida entre os 56 e os 65 anos, que 13 persoas de menos de 18 anos.
É entre os 56 e os 65 anos, cando se acadan os maiores ingresos, de media 25.525 euros brutos anuais.
Camiñamos cara un maior envellecemento da poboación. No ano 2019 o poboación asalariada con máis de 45 anos era o 42%; en 2021 incrementouse ata o 45%.
Cativos ingresos da poboación máis nova
Un ano máis debemos chamar a atención polos cativos ingresos da poboación máis nova en Galiza. Ata acadar a idade de 26 anos os ingresos apenas superan a metade do SMI, e ata os 36 apenas acadan os 17.500 euros brutos anuais. Estamos falando en moitos casos dunha poboación cun alto nivel formativo, que se ve obrigada a emigrar dada a precariedade laboral coa que se atopa no noso país.
Este feito agrava un dos principais problemas socias de Galiza, o demográfica, xa que non so reduce a poboación a curto prazo, senón a posibilidade dun medre futuro. En resumo, menos poboación e máis vella.
Comparándonos co resto das comunidades
En xeral, non se recuperou o nivel de persoas ocupadas que había en 2019. De media, declararon ingresos procedentes do traballo un 1% menos de persoas que en 2019. En Galiza, un 1,3% menos. Tan só dúas comunidade: Castela A Mancha e Murcia tiveron uns un leve incremento con respecto a 2019.
Os ingresos medios máis altos recibíronos as persoas asalariadas en Madrid, cunha media de 27.981 euros brutos anuais e os máis baixos en Extremadura, equivalentes aos 76% da media estatal. Galiza sitúase no 96,6% da media.
Tan só 4 comunidades tiveron ingresos por encima da media estatal: Madrid, Cataluña, Asturias e Aragón.
Por todo o anterior, e nesta realidade salarial, neste 2023, desde a CIG, como xa fixemos no 2022, estamos chamados e chamadas ao conflito ante os Gobernos e ante a patronal, e ante os Gobernos, para que o custe da crise non recaia sobre as maiorías sociais e para que non nos rouben o direito a negociar en Galiza os nosos convenios colectivo.