A CIG anuncia accións penais e mobilizacións contra a persecución sindical no grupo Monbus

Denuncia sancións, expedientes e despedimentos contra representantes e afiliados da CIG, e esixirá responsabilidades ás administracións titulares das concesións públicas
Compostela - 16 Set 2026

A CIG denuncia a situación de persecución sindical que se vén producindo no grupo Monbus e que ten como último episodio o despedimento do compañeiro Anxo Brao, unha das persoas referentes da central sindical nos conflitos do transporte. A central sindical anuncia que, ademais das correspondentes actuacións xudiciais contra os despedimentos, fará uso de todos os recursos legais ao seu alcance, incluída a interposición de accións penais, e desenvolverá as mobilizacións que sexan necesarias. Nos próximos días porase en contacto coa Xunta de Galiza e co concello de Santiago para exixir que actúen ante unha situación que afecta a un servizo público prestado por concesión.

O representante da FGAMT-CIG, Nacho Pavón, explicou esta mañá, en rolda de prensa, que o despedimento de Anxo Brao non constitúe un feito illado, senón un novo episodio dunha situación de “persecución sindical cara á CIG e cara a quen está denunciando as condicións de traballo abusivas nesta empresa”.

No caso de Brao salientou, ademais, que o servizo depende do concello de Santiago e que o seu despedimento se produce nun momento no que está prevista a entrada en vigor do novo contrato urbano. Por iso, reclamou que se garanta o dereito á subrogación do traballador.

Neste sentido, lembrou que Monbus depende de concesións públicas e, polo tanto, presta un servizo público baixo a responsabilidade das diferentes administracións, tanto no transporte urbano, como o escolar ou metropolitano. Por iso, advertiu de que, se a empresa non dá marcha atrás nas medidas represivas contra a CIG, as administracións “teñen que tomar tamén partido e decisión sobre todo isto”.

Segundo explicou, a raíz da folga do sector do transporte de persoas viaxeiras da provincia da Coruña, a CIG experimentou un importante incremento da afiliación e da representación sindical, nomeadamente no grupo Monbus. Desde entón a empresa está desenvolvendo “todo tipo de manobras” para impedir o medre do sindicato dificultando a súa presenza no sector, para poder recortar dereitos laborais.

Así denunciou as condicións laborais que se impoñen no grupo, con «xornadas interminables», falta de programación e conexión permanente que impide ao persoal organizar a súa vida, chegando a recibir ás 11 da noite o servizo correspondente ao día seguinte. Condicións ás que engadiu «prácticas de persecución e medo constantes» e un convenio colectivo que, na súa opinión, foi promovido á medida da empresa.

Centos de persoas sancionadas

“Levamos desde a folga centos de persoas sancionadas”, afirmou Pavón, quen engadiu que practicamente todas as semanas se producen expedientes informativos. Isto xunto con despedimentos de candidatos da CIG en procesos de eleccións sindicais, así como diferentes actuacións destinadas a dificultar a celebración dos procesos electorais.

Referiuse ás impugnacións de eleccións, aos descontos que considera irregulares durante a última folga e que non foron devoltos ao persoal afiliado á CIG, así como a despedimentos producidos en diferentes empresas e servizos do grupo. Unha represión na que se insire o despedimento de Anxo Brao, traballador dos urbanos de Compostela e unha das persoas referentes da CIG nos conflitos do sector, incluída a última folga para reclamar un cadro único nos urbanos composteláns. Unha situación diante da que “a central sindical non permitirá que estes casos queden limitados ás reclamacións xudiciais”, advertiu.

Por iso afirmou que a CIG “tómao como unha persecución sindical a un tipo de sindicalismo que non é dócil para Monbus e para Raúl López e que pretende extirpar da súa empresa” porque a central sindical é “un instrumento que os traballadores e traballadoras deste sector teñen para mellorar as súas condicións de traballo”.

A CIG anuncia accións legais e mobilizacións

Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, cualificou a situación denunciada como “un ataque intolerable á liberdade sindical” mais tamén como “un ataque á CIG”, ante o que asegurou que a central dará “cumprida resposta”.

Vinculou a situación actual coa conflitividade xerada durante a negociación do convenio colectivo do transporte de viaxeiros da provincia da Coruña e denunciou as actuacións que atribuíu á patronal encabezada por Monbus e Raúl López. “Xa está ben, xa estamos fartos de mafiosos disfrazados de empresarios que perseguen e reprimen a liberdade sindical e aos traballadores e traballadoras que están organizados e fan precisamente sindicalismo para a defensa dos dereitos da clase traballadora”, afirmou.

O secretario xeral da CIG anunciou que a central fará uso “de todos os recursos que estean da nosa man», tanto pola vía da mobilización como mediante os recursos legais, «mesmo á interposición de accións penais”, porque Monbus e Raúl López están “instalados nunha violación permanente dos dereitos das persoas traballadoras”.

Así mesmo, anunciou que nos próximos días a CIG se porá en contacto coas administracións públicas responsables das concesións. En primeiro lugar, coa Xunta de Galiza, e tamén co Concello de Santiago, pola súa responsabilidade no transporte urbano.

Neste último caso, advertiu de que a entrada en vigor do novo contrato urbano “non pode darse” sen que Anxo Brao sexa subrogado e reincorporado “en plenitude dos seus dereitos” ao seu posto de traballo. “Faremos chegar esta situación a fin de que se lle dea solución e que pronto sexa unha realidade a reparación ante este inxusto despedimento”, concluíu.