A FGAMT-CIG convocará folga no sector de ambulancias unha vez sexa ratificada polas asembleas

Para os días 8 e 9 de maio; 6 e 7 de xuño; 5 e 6 de xullo e indefinida a partir do mes de setembro
Nacional - 06 Abr 2018

O responsábel do sector de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, anunciou esta mañá, en rolda de prensa, que se están desenvolvendo asembleas de traballadores/as do sector de ambulancias -no que a central sindical representa o 60%- para iniciar unha serie de paros nos meses de maio, xuño e xullo. A CIG denuncia a negativa da patronal a negociar o convenio e a inacción da Xunta de Galiza no conflito malia ser a responsábel última deste servizo público. A folga será indefinida a partir do mes de setembro se non se atenden as demandas do sector.

Pastoriza lembrou que a altura de 2018 o convenio colectivo do sector de ambulancias está exactamente igual que en 2015. Ademais denunciou que na última xuntanza coa patronal, celebrada o pasado mes de decembro, lonxe de avanzar na súa negociación, o que propuxeron foron rebaixas nas condicións laborais e salariais. Ante iso, o responsábel do sector de Transporte asegurou que a CIG “non vai consentir” que se empeoren as condicións nin que “non se negocie”.

Ademais xustificou a convocatoria das xornadas de folga pola inacción da Xunta de Galiza, coa que se solicitaron xuntanzas en reiteradas ocasións, tanto co SERGAS, como coa consellaría de Sanidade e o 061 que “non foron atendidas”.

Empeoramento das condicións laborais

O responsábel do sector de Transporte denunciou tamén o empeoramento das condicións laborais no que ten que ver co aumento de horas e o incremento, de entre un 10 e un 20%, da carga de traballo a consecuencia do incremento parello dos servizos que ten que atender o 061 tanto urxentes como non urxentes. “Aumentou o número de servizos, pero non os cadros de persoal. As traballadoras e traballadores son quen sofren as consecuencias”.

Tal é así que a media de baixas por IT está no 12%. “Unha barbaridade”, afirmou. Baixas que son, nun 80%, provocadas por problemas relacionados con doenzas músculo-esqueléticas. “Traballan con persoas que teñen que levantar, xente maior, con sobrepeso, en edificios que moitas veces non teñen ascensor e iso ten consecuencias na súa saúde”.

Diante do deterioro das condicións laborais e coa situación que se vive no sector, a CIG ten denunciadas a todas as empresas perante a Inspección de Traballo.

Para Pastoriza é moi grave que a patronal pretenda rebaixar as condicións laborais e se negue a negociar o convenio, mais tamén que haxa empresas que pediran a súa inaplicación e rebaixas salariais de até un 25%.

Asembleas de traballadores/as

Así as cousas a CIG está celebrando asembleas de traballadores/as nas distintas áreas sanitarias e se a proposta de folga é ratificada, haberá paros os días 8 e 9 de maio; 6 e 7 de xuño e 5 e 6 de xullo, aos que están convocados uns 1.700 traballadores/as do sector. “Se isto non dá resultado, a folga será indefinida a partir do mes de setembro”, alertou.