A CIG anima a participar na andaina a favor das persoas demandantes de refuxio

Terá lugar o sábado 13 de maio dende diferentes concellos do país
Nacional - 10 Mai 2017

A CIG apoia e anima a participar na andaina a favor das persoas demandantes de refuxio, que baixo o lema "Refuxiados/as no corazón", terá lugar o vindeiro sábado 13 de maio dende distintos puntos do país e rematará no centro xeográfico de Galiza, no equipamento da Fundación Eira da Xoana.

O obxectivo desta andaina, organizada pola Fundación Eira, Médicos do Mundo e AAVV Agra do Orzán (A Coruña) e que conta coa colaboran de diversos concellos, a Deputación de Pontevedra e outras entidades sociais, é facer un chamamento a favor das persoas demandantes de refuxio, cunha marcha simbólica.

Os puntos de saída para a marcha concretados até o momento, son:

- Melide: xardíns do centro de Melide. 10.00 hs.

- Palas de Rei: praza do Concello. 10.00 hs.

- Antas de Ulla: praza do Concello. 10.00 hs.

- Agolada: pendellos de Agolada. 10.00 h.

- Santiso: praza do Concello. 10.00 hs.

Actuacións musicais e literarias

Á chegada á Eira da Xoana farase un xantar comunitario e a partir das catro da tarde haberá diferentes intervencións literarias e musicais. Até o momento está confirmada a participación de Evinha de la Torre, cantareir@s e pandereteir@s.comTIGO, Bico da Balouta, Inacio Vilariño, Anxo Moure e grupo de gaitas "Agarimos" de Palas.

As persoas interesadas en participar poden anotarse enviando un correo electrónico a fundacion@eiradaxoana.gal ou na web eiradaxoana.gal