A CIG amosa o seu total rexeitamento a unha reforma que non garante pensións dignas
O Goberno español, os sindicatos estatais e as organizacións patronais veñen de pactar unha nova reforma das pensións que non garante unhas contías dignas e consolida os recortes aplicados en 2011 polo PSOE, CCOO e UGT e a patronal que supuxeran unha redución xeneralizada das prestacións. Dende a CIG rexeitan tanto as formas como o fondo dun acordo que non reforza o sistema público e mantén a ampliación da idade de xubilación e do período de cálculo e a supresión na práctica da xubilación parcial.
Trátase da primeira parte dunha negociación que terá continuidade nos próximos meses, e que anticipa un novo retallamento de dereitos en base ás esixencias da Unión Europea para acceder aos fondos de reconstrución Next Generation. De feito, aínda que se elimina o denominado factor de sustentabilidade, acordaron que antes de rematar 2021 haberá unha nova fórmula (que chaman factor de equidade interxeracional) que busca ter efectos similares, supoñendo un novo recorte nas pensións das xeracións do baby boom.
A central sindical denuncia que a reforma acordada “é insuficiente e mesmo regresiva” porque seguirá en vigor na súa integridade a “brutal reforma” de 2011 que ten levado a unha caída importante nas contías das pensións (de arredor dun 25%), xa que supuxo unha ampliación progresiva da idade de xubilación até os 67 anos e do período de cálculo (que pasou dos 15 aos 25 anos) e suprimiu na práctica a xubilación parcial.
Igual ao salario mínimo
Con esta nova modificación non se garante o poder adquisitivo das prestacións, “xa que debera fixarse por lei que a pensión mínima sexa igual ao salario mínimo interprofesional, e este debe de ser o 60% do salario medio, dacordo coa Carta Social Europea, revalorizable co IPC real”, tal e como sinala o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
“Penalizar a xubilación anticipada, atrasar máis a xubilación e fomentar a vida laboral constitúe un retroceso inxustificábel e inxusto porque demora a entrada da xente nova ao mundo do traballo, dificultando atopar un emprego”. Ademais, prexudicará a moitos sectores da clase traballadora, que ficarán condenados a prolongar a súa vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico.
Por iso Carril considera que o chamado “diálogo social” amósase unha vez máis como unha vía contraria aos intereses da clase traballadora e da defensa do sistema público de pensións, ao tempo que se amosa moi crítico coas formas dun acordo que se produciu “á marxe da discusión nos ámbitos institucionais de representación onde estamos os sindicatos máis representativos, segundo os artigos 6 e 7 da Lei Orgánica de Liberdade Sindical (LOLS), que somos a CIG e máis ELA, ademais de CCOO e UGT”.