A CIG amosa a súa satisfacción pola liberación do ex secretario xeral de LAB, Rafael Díez Usabiaga

O secretario xeral e o secretario confederal de servizos da CIG acudiron ao acto de homenaxe

Nacional -

A CIG amosa a súa satisfacción pola liberación do ex secretario xeral do sindicato LAB, Rafael Díez Usabiaga, tras pasar seis anos e medio na cadea polo seu compromiso político co pobo vasco. Unha delegación da central nacionalista encabezada polo secretario xeral, Paulo Carril, e o secretario confederal de Servizos e Afiliación, Renato Núñez, estivo presente á saída do compañeiro do cárcere e participou no acto de recepción que tivo lugar ás 11:45h en Muskiz, onde interveu o propio Rafa.

A homenaxe na localidade de Muskiz foi organizada tras ser prohibido pola Delegación do Goberno de Cantabria o acto de recibimento previsto ás portas da prisión de El Dueso.

Rafa Díez foi condenado pola Audiencia Nacional en 2011 no marco do denominado "caso Bateragune", nunha sentenza cun marcado contido político e que a CIG entende pretendía ser un obstáculo para o proceso de paz e a incipiente transformación no mapa político vasco.

Para a central nacionalista resulta lamentábel que o Estado español recorrera a este tribunal de excepción para perseguir as persoas que impulsaron e defenden publicamente a vía da negociación e do diálogo para tratar de acabar co conflito en Euskal Herria.

O despropósito do caso  "caso Bateragune" constata o interese dos sectores máis conservadores do ámbito político e xudicial por dificultar e boicotear o camiño escollido democraticamente pola propia sociedade vasca para darlle unha solución política ao conflito e lograr a pacificación e a normalización da vida política e social na súa nación.

A seguir reproducimos o comunicado asinado por diferentes organizacións sindicais, entre as que está a CIG, con motivo da liberación do compañeiro Rafa Díez.

Comunicado Sindical ante a liberación de Rafa Díez

Os sindicatos asinantes queremos facer chegar á opinión pública a seguinte reflexión ante a liberación do compañeiro Rafa Díez Usabiaga, antigo secretario xeral do sindical LAB do País Vasco.

En primeiro lugar, queremos transmitir á familia e ás persoas achegadas de Rafa Díez, así como a todo o sindicato LAB, a nosa alegría pola liberación de Rafa que, aínda que consideramos tardía, por fin sae da prisión tras a súa inxusta detención, encarceramento e posterior condena.

Por outro lado, queremos denunciar o xuízo polo chamado «caso Bateragune», que levou ao cárcere tanto a Rafa Díez como a  Arnaldo Otegi, Sonia Jacinto, Arkaitz Rodriguez e Miren Zabaleta. O único delito cometido por estes militantes era traballar por un escenario de paz, democracia e xustiza para Euskal Herria, cousa que unha vez máis o Estado español quixo evitar detendo aos artífices do histórico cambio. Curiosamente o Estado español condenou a anos de prisión ás persoas mencionadas cando o que estaban facendo era buscar a maneira de abrir un novo escenario político no País Vasco.

É por todo isto que, tanto Rafa Díez como o resto dos/as encausados/as, pasaron seis anos en prisión dispersados do seu país, por unha condena ao seu compromiso político co pobo vasco. Non obstante, as cousas cambiaron en Euskal Herria, e os ventos de cambio coa declaración de alto ao fogo e o desarme definitivo por parte de ETA, así como os pasos dados polo colectivo de presos/as políticos/as vascos/as, levaron ao país a un escenario totalmente novo, a pesar dos intentos por parte do Estado español de obstaculizar o proceso.

Alegrámonos pola liberación de Rafa Díez, loitador incansábel polos dereitos da clase traballadora de Euskal Herria e de todo o mundo, así como un militante que sempre traballou por unha Euskal Herria libre e socialista e por un escenario de paz, liberdade e democracia. Pareceríanos inxusto non lembralo.

Por isto dámoslle a benvida e celebramos a saída de prisión de Rafa, xa que un loitador incansábel volverá a estar no lugar que nunca debeu abandonar: ao lado da clase traballadora.

Ongi etorri Rafa!

Volver