A CIG alerta do asentamento da pobreza laboral co avance da contratación temporal e precaria

Na central sinalan que no mes de febreiro só se reduciu o desemprego en 1679 persoas malia que se asinaron 69.200 contratos
Nacional - 02 Mar 2018

Os datos de paro rexistrado en Galiza do pasado mes de febreiro indican que son 188.207 as persoas inscritas no SEPE como desempregadas, un 0,88 menos que no mes de xaneiro o que, en termos absolutos, equivale a 1.679 persoas menos. Parello a este descenso rexistráronse 69.200 contratos no noso país neste último mes, unha cifra que a CIG valora como “avultada” para tan só 1.679 parados menos, un claro indicador de que se mantén  a escasa duración e a alta rotación na contratación, o que se traduce en máis precariedade. De feito, o 99% dos contratos asinados foron de carácter temporal.

Por iso o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advirte de que camiñamos “perigosamente cara a consolidación e asentamento permanente de precariedade e pobreza laboral, cunha rotación desde o desemprego a empregos de días, de horas ou de semanas” e alerta do “agravante de cada mes se avance máis en desprotección pola menor cobertura que teñen maiores sectores da clase traballadora”.

Descenso estacional

O leve descenso do desemprego que se deu no mes de febreiro -ao igual que na media estatal, onde foi do 0,18%- é a tónica habitual deste mes nos último 5 anos. Unha tendencia que adoita manterse, en maior ou menor medida, até o mes de setembro cando, novamente, volve a medrar. É, polo tanto, unha tendencia moi ligada a climatoloxía galega.

Ese mínimo descenso deuse en todos os sectores, tanto en Galiza como na media do Estado. Foi a Construción onde se rexistrou o descenso maior, seguido da Industria e, en menor medida,  nas actividades relacionadas co sector servizos. Así o paro, por sectores, queda con 21.287 persoas desempregadas na Construción; 17.825 na Industria e 126.480 no sector Servizos.

Cobertura por desemprego

A enorme rotación e temporalidade dos contratos afecta asemade ao nivel de cobertura do desemprego, porque ao ser os contratos de tan escasa duración, é máis difícil acumular tempo suficiente para percibir a prestación por desemprego. De feito no último mes con información, os datos arroxan que tan só o 51% dos/as desempregados/as percibiron algún ingreso por desemprego.

“Esta xa de por si grave situación veríase aínda máis agravada se foramos tendo o dato paralelo da evolución da interminábel emigración que estamos tendo e que, no caso de computarse, faría máis dramática a situación real que constatamos cando analizamos as cifras de emprego e desemprego”, asegura Carril.

O secretario xeral da CIG lembra que son máis de 153.000 os mozos e mozas que levan emigrado no que vai de crise e que hoxe seguen emigrando. “Se foramos cotexando os datos de desemprego en Galiza cos de emigración darían máis pánico aínda”, afirma.

Un pánico que, subliña, “sería máis terríbel se ao dato da falla de ingresos de máis traballadores/as por non cobrar ningún tipo de prestación por desemprego lle sumaramos as consecuencias que xa se están a vivir por mor das sucesivas reformas das pensións (2011 e 2013), que están a empobrecer máis as pensións e as que esta crecente precariedade terá para as pensións futuras”.

Carril conclúe que todo confirma esa cada vez maior precariedade e pobreza laboral que se está asentando na clase traballadora galega. Por iso reitera a necesidade de “non cesar na reivindicación da recuperación dos nosos dereitos laborais e sociais, de apostar por outras políticas e por alternativas” como as que CIG defendeu no seu día nas 100 medidas para a creación de emprego e nas propostas que a central sindical fixo en materia laboral e social para unha nova lexislatura.

Medidas entre as que salienta a derrogación das contrarreformas laborais e da negociación colectiva; a derrogación do decreto do SMI para que de forma inmediata sexa do 60% do salario medio (850€); a recuperación da causalidade na contratación; a supresión de subvencións xenéricas á contratación; unha nova política fiscal ao servizo dos intereses da maioría social ou a defensa dos servizos públicos.

Xunto a isto, chama a  defender o sistema público de pensións, que se garanta o seu poder adquisitivo e que as mínimas sexan iguais ao SMI e sinala que datas como o 8 e o 10 de marzo son o momento para mobilizarnos pola recuperación dos dereitos laborais e sociais e en demanda de emprego e salarios dignos.