O sector de Xustiza da CIG-Administración Pública da Coruña alerta da “caótica situación” na que se atopa a Sección de Violencia sobre a Muller do Tribunal de Instancia da Coruña, xa que a creación dunha segunda praza a comezo de ano non está a resolver a problemática que arrastra como consecuencia da mala organización e da falta de persoal e medios materiais.
Dende a central sindical sinalan que non se trata dunha situación nova, aínda que advirten de que “está chegando a un punto totalmente intolerable” debido ao “nulo interese” por parte da Administración e do Poder Xudicial por poñerlle remedio “e darlles un servizo decente ás mulleres e á cidadanía en xeral”.
A situación non é nova, pero está chegando a un punto totalmente intolerable debido ao nulo interese por parte da Administración e do Poder Xudicial por poñerlle remedio e darlles un servizo decente ás mulleres e á cidadanía en xeral
Explican que dende o punto de vista laboral, o funcionariado que traballa nesta Sección é interino practicamente na súa totalidade, “xa que ningún titular quere eses postos a pesares de ter un complemento específico máis elevado”. Ademais, o persoal non recibe unha mínima formación cando é nomeado e pasa a facer xornadas de traballo de máis de 10 horas, sendo habitual saír a partir das 6 da tarde.” E isto é debido a que se sinalan até 10 xuízos rápidos nun día, posto que a axenda da aplicación informática permite ás forzas e corpos de seguridade efectuar múltiples sinalamentos de xuízos rápidos nun mesmo día e á mesma hora”.
Isto ten como consecuencia que se acumulen os retrasos e as vítimas teñan que agardar xuntas nunha mesma sala durante varias horas, “o que agrava a súa situación de angustia”. Unha situación que -lamentan- se repite día tras día.
Ao mesmo tempo, indican que os antes denominados Xulgados de Violencia sobre a Muller traballan en realidade como se foran uns órganos de Instrución, pero sen servizo de garda,” o que provoca todas estas disfuncións e un atraso tan alarmante na tramitación dos expedientes que hai causas pendentes dende o ano 2023”. Neste momento só están adscritas dúas persoas para a tramitación dos aspectos civís (divorcios, pensións, custodias), o que resulta claramente insuficiente. A non resolución definitiva por parte da Xustiza da situación familiar contribúe a que se prolongue a situación de violencia.
Indefensión das vítimas
“Este deplorable panorama non é exclusivo da Sección da Coruña, pero a gravidade nestes momentos é tal que provocou unha chamada de atención do Consello Xeral do Poder Xudicial, pouco dado a esas cousas”.
Neste senso, sosteñen que ningunha Administración está a facer nada para rematar con esta situación. “Nin o actual presidente do TSXG, que alardea da súa experiencia e compromiso coa violencia de xénero, nin o director xeral da Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galiza (até hai dous anos maxistrado deste Xulgado) están a cumprir co seu deber de velar polo bo funcionamento da resposta xudicial a esta lacra, deixando as vítimas de violencia desprotexidas fronte aos seus agresores”.