A CIG, admitida como entidade colaboradora no proceso de regularización de persoas migrantes

A central recomenda poñerse en contacto cos locais previamente para pedir cita e organizar deste xeito a atención ás persoas interesadas
Nacional - 30 Abr 2026

A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de ser admitida como entidade colaboradora do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, polo que poderá participar no proceso de regularización extraordinaria de persoas migrantes posto en marcha polo Goberno central. Dende o sindicato recomendan contactar cos locais previamente para pedir cita mediante whatsapp, correo ou teléfono, segundo o establecido por cada comarca.

CONTACTOS PARA PEDIR CITA PREVIA

 

-Compostela

whatsapp: 663 039 196 (Renato)

migracioncompostela@galizacig.gal

 

-Pontevedra

986 852 950 (Diana)

-pontevedra@galizacig.gal

 

-A Coruña

acorunha@galizacig.gal (Armando)

 

-Ferrol

ferrol@galizacig.gal (Galdo)

 

-Lugo

lugo@galizacig.gal

982 813 293 (Roberto)

 

-Ourense

ourense@galizacig.gal (Rubén)

 

-Vigo

vigo@galizacig.gal

986 827 900 (Anxo)

A CIG anunciara a finais do mes pasado a posta en marcha dunha campaña de información e acompañamento das persoas migrantes para que poidan acollerse ao proceso de regularización extraordinaria aberto en abril, xa que a central sindical defende un modelo de migración con dereitos. Tamén lle reclamaba ao Goberno español axilidade na publicación das condicións definitivas, xa que a normativa aínda non fora publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) a escasos días do inicio do prazo. 

A CIG ten en marcha dende finais de marzo unha campaña de información e acompañamento das persoas migrantes para que poidan acollerse ao proceso de regularización extraordinaria

A CIG defende que a inmigración é un fenómeno estrutural na Galiza, non marxinal nin conxuntural, e lembra que as persoas migrantes sosteñen sectores enteiros da economía, compensan o colapso demográfico e contribúen de forma decisiva ao sistema de pensións e ao crecemento do PIB. Porén, dende o sindicato denuncian que fan todo isto en condicións de precariedade que non serían aceptables para outros colectivos.

“A irregularidade administrativa é a principal ferramenta que usa o capital para converter a brecha xurídica nun estado de vulnerabilidade que acaba deprimindo as condicións do conxunto da clase traballadora”, sinalan. “Non podemos permitir que existan persoas traballadoras de primeira e de segunda. Quen traballa aquí ten dereito a ser tratado como parte plena do país”. Polo que a CIG considera que o proceso de regularización extraordinaria iniciado polo Goberno do Estado é un paso necesario para garantir dereitos laborais.

Neste senso, o sindicato rexeita os discursos que culpabilizan ás persoas migrantes dos problemas estruturais como a falta de vivenda ou a precariedade laboral. Pola contra, advirte de que esa tensión é artificial e que os datos demostran que non existe competencia directa polo emprego.

Principais requisitos para acollerse ao proceso

-Estar no Estado español antes do 31 de decembro de 2025.

-Acreditar permanencia continuada de cinco meses inmediatamente anteriores á solicitude.

-Non ter antecedentes penais nin no Estado español nin no país de orixe.

-Pasaporte (en vigor ou caducado).

A documentación necesaria inclúe, con carácter preferente, o certificado de empadroamento histórico, contratos de aluguer con recibos de pago, facturas de servizos, informes médicos, extractos bancarios e billetes de entrada ao país. Neste senso, a CIG recomenda preparar o expediente con antelación para a súa revisión.

PRAZOS CLAVE

 

-Solicitude aberta: principios de abril a 30 de xuño de 2026.

-Efectos da admisión: unha vez admitida a solicitude, a persoa queda autorizada provisionalmente para residir e traballar en calquera sector e en todo o territorio do Estado.

Regularización, formación e dereitos

Finalmente, a CIG advirte de que a regularización non é a meta final, senón o punto de partida. Por iso, o sindicato esixe:

-Regularización áxil e permanente de quen traballa e vive no país, con eliminación da vinculación entre situación administrativa e acceso a dereitos laborais.

-Homologación efectiva de titulacións, acabando co desperdicio de capital humano que supón que médicas, enxeñeiras e profesoras traballen en postos moi por baixo da súa cualificación.

-Acreditación de competencias profesionais para quen ten experiencia pero carece de títulos formais.

-Formación sectorial en horario laboral e con remuneración, incluíndo itinerarios de integración lingüística en galego.

-Loita activa contra o racismo e a xenofobia no ámbito laboral.