Rexeitan a culpabilización do bombeiro asturiano Eloy Palacio, falecido en acto de servizo no ano 2016

A CIG-Administración critica que se castigue a familia sen indemnización e o recoñecemento público merecido

Nacional -

O sector de Local da CIG-Administración vén de emitir un comunicado para rexeitar que se culpabilice o bombeiro asturiano Eloy Palacio da súa propia morte, ocorrida durante a extinción dun incendio na rúa Uría de Uviéu no ano 2016. A central critica que se castigue a familia do falecido sen o recoñecemento público que merece e a indemnización correspondente, ao tempo que se suma á manifestación que hoxe se celebra na capital asturiana para rexeitar a sentenza que establece que a morte se produciu por unha suposta imprudencia temeraria.

Dende a CIG-Administración lembran que en próximas datas cumpriranse dous anos da morte do bombeiro Eloy Palacio no incendio da Rúa Uría nº 58, en Uviéu, xusto cando se vén de coñecer que a xustiza determinou que a súa familia non ten dereito a indemnización ao considerar que a causa do accidente foi o «exceso de celo». 

O sector de Local da federación de Administración da CIG súmase á manifestación de hoxe na capital asturiana

“Á marxe de responsabilidades directas ou indirectas, dende a CIG entendemos que non é de recibo que o compromiso e a entrega nun traballo que leva implícita a asunción de riscos, e do que dependen as vidas dos cidadáns/ás, sexa pagado con tal desprezo. Menos aínda se o poñemos en comparación coas loanzas (xeralmente merecidas) e condecoracións a membros doutros corpos, premiando precisamente o poñer en risco a propia vida ou integridade”.

A sentenza supón un desprezo

Na central entenden que a sentenza non só supón un desprezo cara ao traballador, “senón que significa que aqueles/as que día a día dan o mellor do seu esforzo nesta profesión se teñan que cuestionar en que situación deixarán ás súas familias se por erro, exceso de entrega ou simple fatalidade (o risco cero non existe, e menos nunha profesión como a de bombeiro/a) sufrisen o mesmo ou similar destino que o compañeiro falecido”.

Por todo isto, a CIG trasládalle todo o apoio e solidariedade á familia e compañeiros/as de Eloy e do outro bombeiro que resultou ferido no incendio, ademais de sumarse á manifestación de hoxe coa que membros do colectivo de todo o Estado lembraron o falecido e rexeitaron a sentenza.

Volver