A CIG-Administración reclama o reforzo urxente de persoal no Xulgado de Celanova

Denuncia o colapso existente, até o punto de que só en relación coa ‘memoria histórica’ permanecen sen resolver 610 expedientes
Celanova - 13 Set 2024

A federación de Administración da CIG vén de reclamarlle por escrito á Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que reforce de maneira urxente o cadro de persoal do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Único de Celanova, no que só en relación coa ‘memoria histórica’ fican sen resolver 610 expedientes.

Dende a central sindical denuncian a sobrecarga de traballo á que está sometido este Xulgado, que se encarga de materias como Civil, Penal, Rexistro Civil e Violencia sobre a Muller, ademais de estar de garda permanente. 

A central solicita un reforzo no corpo de Auxilio Procesual e outro en Tramitación Procesual

Na actualidade conta con dous funcionarios/as do Corpo de Xestión Procesual, dous do corpo de Tramitación Procesual e só un/ha do corpo de Auxilio Xudicial, que se encargan de asistir á sala un ou dous días por semana e de realizar citacións e notificacións, así como do Rexistro Civil.

No escrito remitido pola CIG ao TSXG lémbrase que tras a inspección levada a cabo neste Xulgado en 2022, e baseándose no informe final desta, recoñecían “que efectivamente se precisaba un reforzo” pola carga que traballo que se arrastraba.

Baseándose na Lei de Prevención de Riscos laborais, e nos efectos sobre a saúde, tanto física, como mental, pero tamén en como se realiza o traballo ao verse sometido o persoal a un estrés continuo, na central entenden que é necesario que de xeito urxente se leven a cabo dous reforzos, un no corpo de Auxilio Procesual e outro en Tramitación Procesual.

Ao tempo que consideran que debera incrementarse de xeito definitivo o cadro de persoal actual para que quede configurado con dous xestores/as, catro tramitadores/as e dous auxilios, “dado que este é o persoal tipo dos xulgados mixtos da provincia que teñen encomendados, ademais dos asuntos civís e penais, os expedientes de Rexistro Civil”.