A CIG-Administración reclama medidas excepcionais na loita contra os lumes coincidindo coas altas temperaturas

A central amosa a súa solidariedade cos feridos/as nos incendios de Ribas de Sil e Lobios

Vigo -

A CIG- Administración reclámalle á Xunta a adopción de medidas excepcionais de precaución na intervención dos incendios forestais coincidindo coas altas temperaturas, xa que nestas condicións a perigosidade no traballo aumenta exponencialmente, tal e como se puido comprobar nos recente lumes de Ribas de Sil e Lobios. Ao mesmo tempo, a central amosa a súa solidariedade cos brigadistas feridos/as nestes incendios e coas súas familias.

Dende a CIG-Administración expresan o seu apoio a todos os compañeiros/as e ás familias dos feridos/as nos lumes forestais de Ribas de Sil, en Lugo, e Lobios, en Ourense. “Queremos manifestar que o traballo da extinción de lumes forestais é moi perigoso e moitas veces os traballadores/as poñen en risco as vidas”, lembran.

Neste senso, sinalan que as condicións actuais de altísimas temperaturas e baixa humidade relativa, “os perigos no traballo multiplícanse exponencialmente, polo que a Xunta debera adoptar medidas excepcionais de precaución na intervención dos incendios”. Consideran que o adestramento e a formación son imprescindíbeis para minimizar os riscos, “e a Xunta do Partido Popular trata este traballo como outro calquera e non forma ao persoal de forma axeitada nin aplica protocolos normalizados”, como pode ser o protocolo OACEL (http://www.magrama.gob.es/es/desarrollo-rural/temas/politica-forestal/Protocolo_OACEL_tcm7-232583.pdf).

Dende a CIG esixen que en situacións tan adversas tanto de carga de combustíbel como de condicións climáticas sexan adoptadas medidas preventivas extraordinarias e que se proceda á formación do persoal de forma axeitada mediante protocolos claros e técnicas de autoprotección contra o lume.

Volver