A CIG-Administración denuncia o caos que se está a producir no inicio do curso nas escolas públicas de cero a tres anos como consecuencia da falta de persoal e de previsión por parte da Xunta de Galiza. Lembra que viña advertindo, desde hai meses, que non era posible manter a incorporación das crianzas na semana do 7 de setembro, xa que non estaría incorporado o persoal necesario en todos os centros.
O persoal das escolas públicas de cero a tres anos incorporouse o 1 de setembro aos novos postos de traballo despois do concurso de traslados e da primeira toma de posesión dos postos do persoal que acaba de conseguir unha praza tras un proceso selectivo. A CIG-Administración explica que o venres 4 comezaron a incorporarse novas funcionarias do segundo acto de elección, que dispoñen de 15 días para facelo.
Advirte que quedan por adxudicar máis de 30 prazas de educadoras infantís para un terceiro acto de elección, que aínda non ten data marcada. Por iso, considera que non se pode garantir a adecuada atención do alumnado en todos os centros.
A organización sindical afirma que xa advertiu desta situación en repetidas ocasións, tanto nas mesas de negociación como a través das informacións públicas, e lembra que reclamou que a incorporación das crianzas se adiase, como moito, á segunda quincena de setembro para permitir unha planificación adecuada.
A CIG-Administración critica que a Xunta non tivera en conta estas advertencias e considera que a decisión de atrasar unicamente un día a incorporación do alumnado, pasando do venres 4 ao luns 7 de setembro, non resolve en absoluto os problemas existentes.
Neste sentido, denuncia que a día de hoxe moitos centros non contan co persoal necesario para cumprir os ratios establecidos pola lexislación e que, en moitos deles, falta máis do 50 % do cadro de persoal.
Sen protocolos
Xunto a isto advirte de que non existen protocolos de ningún tipo para afrontar esta situación. Afirma que as novas direccións descoñecen como se xestiona unha escola infantil, tanto desde o punto de vista administrativo como na relación coas familias, e tampouco dispoñen das instrucións necesarias para organizar os cadros de persoal dos centros. Unha falta de información que está obrigando as novas direccións a contactar con outras compañeiras para que, por solidariedade, lles axuden a dar os pasos mínimos necesarios para poñer en funcionamento os centros.
A CIG-Administración lembra que se aceptou que o persoal tivera que tomar posesión das súas prazas durante o período vacacional para minimizar o impacto dun movemento de persoal extraordinario provocado polos procesos de estabilización de emprego, tanto para as familias como para as propias traballadoras e traballadores. E subliña que tamén se advertiu á Dirección Xeral de Emprego da complexidade do proceso, precisamente para que se puidera prever o seu impacto e garantir unha incorporación ordenada das crianzas.
Dereito de conciliación
A central sindical denuncia ademais que tampouco se está a dar resposta ás necesidades derivadas dos dereitos de conciliación do persoal. Así, afirma que non hai avances nas solicitudes de redución de xornada nin nas peticións relacionadas co período de adaptación dos propios fillos e fillas das traballadoras e traballadores.
Considera que esta situación evidencia unha falta de planificación absoluta por parte da Xunta e advirte de que as consecuencias da improvisación están a recaer tanto sobre as familias como sobre o persoal das escolas infantís.
Caos nos ceses e altas na SS
Denuncia ademais o que cualifica de “caos” nos ceses e altas na Seguridade Social no Consorcio, porque o persoal substituto e interino que non estabilizou e ao que lle foi ocupada a praza continúa sen ser cesado, polo que non pode ser chamado para cubrir vacantes das prazas que quedaron desertas nin para realizar substitucións.
Traballadoras que tampouco poden solicitar a prestación por desemprego porque non constan como cesadas na Seguridade Social, malia que os seus ceses estaban previstos para o 17 de agosto. A CIG-Administración considera especialmente grave esta situación e lembra que o Consorcio ten subcontratada unha xestoría externa.
Neste contexto, a central sindical pregunta quen vai atender o alumnado nos centros nos que o cadro de persoal previsto é de 14 traballadoras e só hai sete, ou nas escolas unitarias nas que directamente non hai persoal, reclama as instrucións que recibiron estes centros e critica que se pretenda que actúen con normalidade incumprindo o decreto de ratios, baixo a consigna de non alarmar.