A CIG-Administración de Ourense denuncia a falta de medios no Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais

Na central insisten en pedir a dimisión do director xeral de Ordenación e Produción Forestal

Vigo -

O sector de Autonómica da CIG-Administración vén de denunciar a falta de medios e a precariedade existente no Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF), situación que se puxo máis de manifesto durante a actual vaga de lumes que padece a provincia e que nalgúns casos está a supoñer un importante risco para a integridade física dos traballadores/as. Diante disto dende a central insisten en reclamar a dimisión do director xeral de Ordenación e Produción Forestal.

Segundo explican dende a CIG, diferentes distritos forestais da provincia de Ourense atópanse nunha precariedade de medios absoluta. “Baste dicir que no distrito de Verín das 11 motobombas dispoñíbeis unicamente funcionan cinco a día de hoxe, xa que as outras seis ou están no taller ou paradas; no de Valdeorras, de sete motobombas tres están no taller e unha ten restricións xa que lle fallan os freos, polo que hai só tres activas”.

Na central sosteñen que esta situación é unha constante nos outros distritos da provincia, dándose a circunstancia agravante de que a maioría dos camións que están fora de servizo son completamente novos, mais teñen eivas xa dende que foron adquiridos, con importantes problemas de freos e da bomba de incendios (o mecanismo que facilita a auga para a extinción).

Máis grave aínda é a falta de previsión que existe no servizo, xa que o mércores pasado o helicóptero de Vilamaior non puido actuar no incendio de Monterrei ao atoparse fóra de servizo. Ademais, alertan do que pode acontecer no caso de que se manteñan estas condicións climáticas e os 436 traballadores/as contratados/as como reforzo para a época de alto risco son botados/as á rúa o 30 de setembro polo tipo de contratos basura que se lles fixo. “Non queremos volver vivir o que pasou en outubro de 2011, cando se perderon miles de hectáreas de patrimonio medioambiental na provincia”.

Diante disto, dende a CIG reiteran en reclamar a dimisión de Tomas Fernández Couto, actual director xeral de Ordenación e Producción Forestal, “por ser o máximo responsábel da situación na que se atopa o SPDCIF”.

Volver