A CIG acusa o PP de ser cómplice da violencia institucional contra as mulleres

A central leva a protesta do 25N á sede popular para exixir responsabilidades políticas e reclamar servizos públicos, igualdade real e protección efectiva
Nacional - 25 Nov 2025

Despois de anos denunciando os comportamentos machistas que sosteñen o sistema económico e social, artellando propostas para que os poderes públicos incorporen de maneira transversal a perspectiva de xénero tanto na análise das causas da violencia machista como nas posíbeis solucións, neste 25 de Novembro, a secretaría das Mulleres da CIG acusa directamente ao PP no Goberno da Xunta de Galiza como responsábel e cómplice da violencia institucional.

No Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, trescentas delegadas da CIG concentráronse na sede do Partido Popular en Santiago de Compostela para denunciar que o desmantelamento das políticas de igualdade e a tolerancia de condutas machistas desde o poder que ostenta o PP, transmiten mensaxes perigosas que normalizan a violencia e deixan as mulleres máis desprotexidas.

“Non imos ficar caladas cando quen ten a responsabilidade de protexer as vítimas e castigar a violencia se pon do lado do depredador”, aseverou a secretaria confederal das Mulleres, Margarida Corral. Puxo o acento na hipocrisía das campañas institucionais arredor de datas como o 25 de novembro que chocan de fronte con comportamentos como o que tiveron o presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, ou o director de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto  Barba, “amparando publicamente nunha rolda de prensa do Goberno galego a un conselleiro que se veu obrigado a dimitir tras ser acusado de cometer unha agresión sexual”.

Mais tamén é violencia institucional, salientou a secretaria das mulleres da CIG, o modelo de servizos sociais aplicado pola Xunta de Galiza, coa conselleira Fabiola García como “máxima responsábel da situación de precariedade, pobreza laboral e infravaloración dos traballos profesionais de coidados”. Corral foi especialmente crítica co desleixo do Goberno galego neste sector maoritariamente feminizado e denunciou que a pesar de transcorrer xa catro meses do asasinato da compañeira Teresa no SAF do Porriño, a día de hoxe o servizo de axuda no fogar segue sen un protocolo efectivo que evite o risco grave e inminente para as traballadoras.

“Non importan as manifestacións baleiras de contido canto o dito contradí os feitos. Nin cando a pesares de existir leis estas non se executan. Non abonda introducir epígrafes nos orzamentos dirixidos á igualdade se ao final se opta polo lucro derivado da privatización de servizos esenciais que deberían ser universais e incluso se suprime a Secretaría Xeral de Igualdade, para deixala reducida a unha dirección xeral”, aseverou.

Margarida Corral lembrou que os orzamentos destinados a violencia de xénero para 2026 baixan un 6,4%, xusto cando a taxa de violencia de xénero en Galiza aumentou case un 10% a respecto de 2024, e cando de media, os xulgados de violencia contra as mulleres recibiron 21 denuncias, case unha denuncia cada hora. “Queremos denunciar todos estes recortes, porque retroceder en dereitos incrementa a violencia”.

Sobre a escolla do lugar de remate da mobilización, explicou que “estamos aquí para esixir responsabilidades políticas e reclamar servizos públicos, igualdade real e protección efectiva para todas as mulleres en Galiza, para alzar a voz e darlle a palabra ás protagonistas desta violencia institucional que non cesa: a das mulleres acosadas, agredidas, precarizadas e empobrecidas por mor das decisións políticas do goberno da dereita na Galiza”.

Ao tempo denunciou a apropiación ilexítima da figura de Rosalía de Castro por parte do Partido Popular: “mágoa que non se inspiraran nela para exercer de Mulleres en liberdade: nin caladas nin submisas como ousaron afirmar no seu lema do 25N para condenar o conselleiro e o arroupe por parte de Rueda”.

Encontro nacional de mulleres

Antes da mobilización, delegadas da CIG de diferentes sectores participaron no XV Encontro Nacional de Mulleres no que se analizaron as situacións de violencia e discriminacións que se dan nos centros de traballo e a violencia institucional que se exerce sobre as mulleres por parte dos poderes públicos, co testemuño de compañeiras do SAF, centros de atención á discapacidade, o ensino e a sanidade, así como a resposta que cómpre dar desde os centros de traballo e a nivel social.