Un acordo “vergoñento”
A continuación, debullan un por un os diferentes puntos de negociación e comparan co resultado do preacordo de CCOO e UGT:
Horas extra (mantense a fenda salarial)
Actualmente abónanse a diferente prezo aos traballadores/as segundo a súa antigüidade na empresa.
Solicitude do comité - Pór un prezo único que favorecese a todo o persoal xa que abonándoas a diferente prezo a empresa ía cargar de horas ao persoal eventual, o máis desprotexido, xa que a súa situación precaria na empresa non lle permite negarse a calquera petición que formule Vitrasa.
Acordo de CCOO, UGT e empresa – Abonalas no prezo actual, mantendo as fenda salarial entre o persoal.
Eventualidade (sen solucionar, negociado a medida da empresa)
Vitrasa utiliza a eventualidade para esquivar a contratación indefinida e evitar o pago do complemento de antigüidade a este persoal, o comité de empresa denunciou a situación en Inspección de Traballo.
Solicitude do comité- Creación dunha listaxe por antigüidade que fora incorporando á empresa este persoal eventual respectando a súa orde de entrada inicial.
Acordo de CCOO, UGT e empresa - Incorporación inmediata do persoal eventual en fraude de lei (9 traballadores) e dun compañeiro eventual desde 2012 ao que Vitrasa non volveu renovar o contrato o pasado mes de xullo. Incorporarase ao restante persoal eventual por antigüidade sempre que as valoracións internas da empresa sobre o traballador sexan favorables, a igualdade de valoracións incorporación por antigüidade. (valoracións baseadas unicamente en criterios que establece a empresa unilateralmente e facilmente amañables).
Curiosamente, Vitrasa realizou a conversión dos contratos en fraude de lei antes de chegar a aceptar o acordo, posiblemente en base á obriga de Inspección de Traballo.
Réxime de traballo (sen solucionar, negociado a medida da empresa)
O persoal de condución de Vitrasa reclama un réxime de traballo onde se contemplen unha serie de descansos, unha redución das xornadas e unha adecuación das velocidades de traballo.
Solicitude do comité- Renovación de liñas contemplando a nova realidade de Vigo, con incremento de semáforos, paradas, tránsito, etc.
Acordo de CCOO, UGT e empresa - Estudo das actuais velocidades de traballo e “en caso de entendelo necesario” realizar unha nova distribución do tempo de percorrido nas liñas baseado na velocidade media realizada actualmente.
Recadación (sen solucionar)
A empresa solicita que unha tarefa que está dentro do traballo dos condutores/as, como é entregar a recadación, se realice unha vez rematada a condución para evitar pagar ese tempo. Ademais, en moitas ocasións as maquinas de cálculo fallan, contando menos diñeiro do ingresado.
Solicitude do comité- Dar maior tempo de traballo efectivo para a realización do cálculo e revisións periódicas das maquinas.
Acordo de CCOO, UGT e empresa - Inexistente.
Cursos (sen solucionar)
Ao colectivo de condutores descóntaselle mensualmente de nómina unha cantidade para formación. No entanto, o crédito en formación destínase a cursos para outros departamentos.
Solicitude do comité- realizar un plan de formación que contemple cursos que o colectivo de condutores entenda necesarios para complementar a formación. (idiomas, condución, computador).
Acordo de CCOO, UGT e empresa - Inexistente
Uniformes (sen solucionar)
Desde hai meses as entregas de uniforme realízanse fóra de tempo e con faltas na entrega.
Solicitude do comité- Liquidar inmediatamente estas carencias.
Acordo de CCOO, UGT e empresa - Descoñecida.
Plan de igualdade (sen solucionar – negociado un punto)
Caducado desde 2014 e con varios puntos aínda por negociar.
Solicitude do comité- Retomar as negociacións con compromiso de finalización.
Acordo de CCOO, UGT e empresa - Ampliar a medida de goce de vacacións dos pais e nais con fillos/as en idade escolar até os 12 anos.
Cámaras de videovixiancia (sen solucionar)
Utilizadas en varias ocasións para controlar o persoal, chegando mesmo a utilizar as gravacións como proba no despedimento dun traballador.
Solicitude do comité- Compromiso firme de única utilización para a seguridade de condutores/as e usuarios/as.
Acordo de CCOO, UGT e empresa - Inexistente.
Subrogación (sen solucionar)
Ante a inquietude do persoal pola finalización da actual concesión e unha posible entrada doutra empresa diferente a Vitrasa na nova concesión.
Solicitude do comité- Redacción dun artigo que contemple unha posible subrogación por unha empresa diferente e que respecte as condicións actuais do persoal.
Acordo de CCOO, UGT e empresa - Inexistente.
Baños (sen solucionar, reiteración de xestións xa realizadas)
O persoal de condución solicita baños en diversos puntos da rede de transporte urbano. Desde o comité de empresa solicitouse unha reunión co Concello onde se expuxo o problema. Desde o concello aceptaron solicitar a Vitrasa a colocación dunha serie de baños como medida temporal, incluíndo no prego de condicións para a próxima concesión a solución definitiva a este problema.
Solicitude do comité- Colocación dos baños solicitados ante o Concello.
Acordo de CCOO, UGT e empresa - Traspaso por parte da empresa da solicitude do comité ao Concello para que sexa este quen coloque os baños.